Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

CONCURSOS, XOGOS, MÚSICA E CASTAÑAS ASADAS NA FESTA DOS CALABAZOTES DE ORTIGUEIRA

O Concello de Ortigueira organiza o vindeiro 31 de outubro, na véspera da festividade de Todos os Santos, a Festa dos Calabazotes, unha proposta cunha chea de actividades que teñen como protagonistas especiais, aínda que non únicos, aos máis pequenos.

O programa, que se desenvolverá na praza de Isabel II, comezará ás 17.30 horas coa recepción dos “calabazotes” participantes no concurso que se organiza no marco desta festa. No certame poderán participar nenos e nenas ata 12 anos de idade, que poderán entregar as súas creacións feitas con cabazas ata as 19.00 horas.

O xurado -que estará composto por persoal dos departamentos municipais de Cultura e Deportes e por representantes de asociacións da vila- valorará especialmente a creatividade, o traballo e a orixinalidade. Os premios consisten en vales para libros, xogos ou material deportivo, por importe de 40, 30 e 20 euros para o primeiro, segundo e terceiro clasificado respectivamente. A entrega será ás 19.30 horas. Entre as 17.30 e as 20.30 horas haberá tamén talleres de pintacaras e, a partir das seis da tarde ata as nove, xogos populares.

Unha vez rematada a entrega de premios do concurso de “calabazotes” están previstas actuacións de música tradicional e castañas asadas. Ademais do Concello participa no programa a Deputación Provincial.

 

Back to top