Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O artigo 14 da Constitución Española proclama o dereito á igualdade e á non discriminación por razón de sexo. Pola súa banda, o artigo 9.2 consagra a obriga dos poderes públicos de promover as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos en que se integra sexan reais e efectivas.

O artigo 15 da Lei Orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes establece que o principio de igualdade de trato e oportunidades entre mulleres e homes informará, con carácter transversal, a actuación de todos os Poderes Públicos. As Administracións públicas integrarano, de forma activa, na adopción e execución das súas disposicións normativas, na definición e orzamentación de políticas públicas en todos os ámbitos e no desenvolvemento do conxunto de todas as súas actividades.

O artigo 21 da mesma lei recolle a necesidade de que as Entidades Locais integren o dereito de igualdade no exercicio das súas competencias e colaboren para ese efecto, co resto das Administracións Pública.

En base a esta normativa, o Concello toma parte activa neste proceso de normalización da igualdade de xénero e dótase de instrumentos que permitan programar e implantar as actuacións que resulten necesarias para alcanzar este fin.

Neste contexto, o Concello de Ortigueira aprobou o seu primeiro Plan de Igualdade de oportunidades entre mulleres e homes no ano 2002 que tivo un alcance temporal trienal. Dende entón, foron aprobados outros dos plans que progresivamente foron implantando novas medidas neste sentido, pero os obxectivos de igualdade real, pese a estar máis próximos, aínda requiren a implantación de novas medidas que profundicen nesta dirección.

Polas razóns anteriores, o Concello aprobou no mes de outubro de 2018 un novo Plan de Igualdade de Oportunidades entre mulleres e homes no Concello de Ortigueira, o IV Plan de Igualdade municipal que pode consultarse na seguinte ligazón:

VER PDF IV Plan de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes

Non hai eventos

Back to top