A PREESTREA DE “FOGONES EN ORTIGUEIRA” E A CABALGATA DE REIS POÑEN FIN ÁS FESTAS DE NADAL

As festas de Nadal de Ortigueira chegan ao seu fin esta semana coa tradicional Cabalgata de Reis, que terá lugar o 5 de xaneiro, na véspera da festividade de Reis Magos. As súas Maxestades de Oriente sairán ás 18.30 de Cuíña para percorrer a avenida Escola de Gaitas, Penela, Eugenio López e Cantón repartindo caramelos entre todos os presentes antes de rematar na praza de Isabel II, onde recibirán aos nenos e nenas de Ortigueira e dos concellos veciños para escoitar as súas peticións.

Dentro tamén do programa de festas, o venres 4 de xaneiro Seitura 22 -a entidade que xestiona o programa Eixo Líder nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal e os concellos de Miño e Vilarmaior- e a asociación Entre Fogones preestrearán no Teatro de Beneficencia o documental “Fogones en Ortigueira”, que foi gravado nos talleres de cociña desenvolvidos en Couzadoiro. O acto terá lugar ás 20.30 horas.

 

Back to top