Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

XORNADA SOBRE A PROTECCIÓN DA INFANCIA FRONTE AO MALTRATO E O ABUSO SEXUAL, MAÑÁ EN ORTIGUEIRA

O xoves haberá dúas novas sesións do programa “Con voz de muller” nas parroquias de San Claudio e Loiba.

O centro de participación social de San Roque acollerá mañá mércores, día 30 de maio, unha “Xornada de Protección da Infancia fronte ao Maltrato e o Abuso Sexual” organizada polo Centro de Información a Mulleres do Concello de Ortigueira (CIM).

O programa dará comezo ás 17.00 horas, cunha inauguración a cargo do alcalde, Juan Penabad Muras, seguida dunha conferencia da subdirectora de Política Familiar, Infancia e Adolescencia, Cristina Blanco Aragón, sobre a protección fronte ao maltrato.

A continuación desenvolverase unha mesa redonda sobre o tema “Menores expostos á violencia de xénero”, na que participarán María Beatriz Andrés Alonso, psicóloga do Centro de Recuperación Integral para mulleres vítimas da violencia de xénero (CRI) e Rosa Rilo Gómez, terapeuta ocupacional do mesmo organismo. Ás 18.00 horas haberá un relatorio sobre a detección do abuso sexual e a intervención con nenos/as e adolescentes vítimas destes abusos, que estará a cargo de Javier Aznar Alarcón, psicoterapeuta da Fundacion Meniños.

As xornadas, que están dirixidas fundamentalmente a profesionais dos servizos sociais e do ámbito educativo e sanitario, finalizarán cun coloquio conxunto.

O CIM ten previstas tamén para o xoves 31 dúas novas xornadas do programa “Con voz de muller”, que se desenvolverán de 10.00 a 13.00 horas en San Claudio e de 16.00 a 19.00 horas en Loiba. . É unha iniciativa para recuperar a memoria histórica contada desde o punto de vista das mulleres e para levar a cabo un proceso de empoderamento, recoñecendo o labor do colectivo feminino nas parroquias do municipio. Polo momento realizaranse tres sesións en cada unha destas dúas parroquias e máis adiante o proxecto estenderase ao resto do Concello. A idea final é organizar con todo este material unha exposición e realizar unha publicación para presentalas o día 15 de outubro, coincidindo co Día da Muller Rural.

Back to top