Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Remata a primeira fase das obras para erradicar o parasito da carcoma do CEIP José María Lage

O alcalde de Ortigueira, Valentín Calvín, e a concelleira de Educación, Ana Cartelle, visitaron recentemente o CEIP José María Lage para comprobar o grao de avance das obras para erradicar o parasito da carcoma, que leva anos afectando o centro.

Alí puideron comprobar como se finalizou a primeira fase dos traballos, que consistiu, esencialmente, na rehabilitación das aulas da segunda planta afectadas por este insecto. Deste xeito, retiráronse os elementos de madeira que dividían as diferentes clases por outros de aluminio, onde a Scleroderma domestica non poderá medrar.

Os traballos seguen desenvolvéndose a bo ritmo de fronte ao comezo do curso escolar, co único obxectivo de garantir a saúde e a seguridade do alumnado do colexio.

O alcalde de Ortigueira, Valentín Calvín, agradece “á Consellería de Educación o seu compromiso con Ortigueira e a súa axuda para poñer fin a un problema de saúde que leva anos afectando o centro”.

O rexedor lembra que “ao pouco tempo de chegar á alcaldía, puxémonos mans á obra con este tema, pois é inaceptable que a situación se prolongara tanto tempo ante a inacción do goberno municipal previo”. “Aproveitando a ponte do Pilar, contratouse de urxencia a unha empresa especializada para fumigar o centro, o que logrou reducir considerablemente o número de insectos, aínda que non acabar con eles”.

Por último, Calvín asegura que “esta intervención máis que necesaria é a solución que toda a comunidade educativa: alumnado, profesorado e familiares levaban anos demandando”.

Back to top