RÉCORD DE PARTICIPACIÓN NO CONCURSO RUNAS MÁIS INTERNACIONAL DO FESTIVAL DE ORTIGUEIRA
Máis de 30 grupos de oito países e oito comunidades autónomas conforman a edición máis concorrida e tamén a máis internacional nos 20 anos de historia do concurso de novos talentos da música Celta.
O interese por darse a coñecer no Festival de Ortigueira cara á celebración en 2021 creceu notablemente pese a non celebrarse o Festival este verán e as dificultades de reunión e gravación propias do confinamento, máis ao contrario; un total de 35 grupos enviaron a súa candidatura a ser un dos 3 finalistas. Desde este martes o comité técnico nomeado polo Concello de Ortigueira fará unha selección dun máximo de dez traballos de entre os recibidos que reúnan todos os requisitos marcados nas bases do concurso.
Tal e como expresa Ángel Lozano, concelleiro de deportes e festival, “Como todos sabemos, o festival é o evento máis importante na proxección internacional de Ortigueira, e este ano, a pesares de que non se poida celebrar, traballamos nesta liña de cara a crear un día máis en 2021 e aproveitar esta edición as oportunidades que nos ofrece a tecnoloxía para promocionarnos na rede. Así, para fomentar a participación e a difusión internacional, realizamos diferentes accións en redes sociais orientadas e segmentar e chegarlle directamente ao público máis interesado na música e na cultura celta de todo o mundo, loxicamente partindo das 8 nacións celtas, pero conectando con novos territorios como o sudamericano, onde a aceptación foi máis que notable.
É todo un éxito que se presenten máis grupos que nunca estando nesta situación sanitaria e social. Para este 2020 temos confirmada a participación de grupos galegos, de Andalucía, Asturias, Madrid, Castela León, Castela a Mancha ou Valencia, e a nivel internacional desde Portugal, Francia, Italia, Irlanda, Escocia, Arxentina e Brasil. Quixemos facer esta aposta de difusión online para impulsar aínda máis a participación no concurso Runas, que xa cumpre 20 anos, o descubrimento de novas bandas e a promoción da cultura e a música celta, afondando nos valores que fixeron de Ortigueira un referente no panorama musical mundial.”
Na segunda fase os traballos dos dez grupos seleccionados poderán escoitarse na páxina web do evento www.festivaldeortigueira.coma partires do luns 22 de xuño, momento no que se activará o proceso de votacións online e que finalizará o mércores 8 de xullo ás 14 h. Os finalistas determinaranse por un sistema de cinco votos. Un voto sairá da votación popular na páxina web do Festival, e os outros catro votos procederán dun xurado composto por músicos, xornalistas musicais e promotores seleccionados polo Concello.
O tres grupos finalistas, serán anunciados na páxina web o martes 14, mércores 15 e xoves 16 de xullo, día no que tiña previsto comezar o Festival de 2020. Anunciarase un grupo finalista cada día. Desde a elección dos finalistas ata a celebración do festival, realizarase a promoción dos grupos finalistas a través da publicación dos seus temas, entrevistas, vídeos, ou aquel material do que dispoñan ou xeren neste tempo nos perfís oficiais do festival en redes sociais, así como na web www.festivaldeortigueira.com.
Os grupos finalistas serán contratados para actuar no festival 2021, onde cada grupo disporá de corenta minutos de actuación. Dos seis grupos que actuarán en 2021, (os tres finalistas de 2020 xunto cos 3 finalistas de 2021) escolleranse polo xurado aos 2 grupos merecedores de participar no Festival do ano 2022, que serán contratados para o dito fin e percibirán un caché de 3.000 euros, IVE incluído.
Bases completas en https://festivaldeortigueira.com/runas Contactos: Elisardo de la Cruz 981138225 / Ramón Roldán 658811400 | prensa@festivaldeortigueira.com