Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

OS NENOS E NENAS DE ORTIGUEIRA TERÁN QUE SEGUIR UNHAS PISTAS A TRÁVES DE CÓDIGOS QR PARA AXUDAR AOS REIS MAGOS E ENTREGAR AS SÚAS CARTAS NO BUZÓN REAL

Os nenos e nenas de Ortigueira participarán este Nadal de xeito máis activo que nunca na festa dos Reis Magos. O Concello -a través dos departamentos de Cultura e Turismo- deseñou o xogo do Carteiro Real, para que a rapazada axude ás Súas Maxestades de Oriente a solucionar algúns inconvenientes que se lles presentan este ano para facer a entrega dos agasallos. Terán que ir descubrindo unha serie de códigos QR repartidos por diferentes puntos do casco urbano e, a través de fotografías, vídeos e xogos, resolver as actividades que se lles proponen para poder atopar o buzón real e depositar as súas cartas.

Trátase dunha orixinal e divertida iniciativa coa que os pequenos e pequenas poderán pasalo ben de xeito seguro, xa que se desenvolve no exterior.

A lectura dos códigos QR pódese facer desde calquera dispositivo móbil descargando unha aplicación de lectura se é que non está xa instalada na cámara.

O xogo dará comezo o vindeiro día 12 de decembro e continuará ata a véspera do día de Reis, o 5 de xaneiro. O Concello adianta xa que a situación do primeiro código será na Casa Reitoral do Cantón, e a partir de aí os participantes terán que ir seguindo as instrucións que ditarán os propios Reis Magos.

Back to top