Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Os Cantos de Taberna e as motos marcan a axenda do mes de abril en Ortigueira

Os Cantos de Taberna e as motos marcan a axenda cultural deste abril de 2024 en Ortigueira. O Concello vén de pechar a súa programación deste mes, que irá ‘in crescendo’ e rematará as dúas últimas fines de semana cos eventos máis multitudinarios.

O martes 2, a Biblioteca Municipal celebra o Día Internacional do Libro Infantil co obradoiro ‘Ven a facer o teu pedra-conto’, que levaba días coas prazas esgotadas. Neste taller, os pequenos e pequenas plasmarán os personaxes dun conto en pequenas pedras.

Xa a vindeira semana, o xoves 11, o Teatro da Beneficencia abre as súas portas para unha nova edición das Xornadas de Achegamento da Medicina á Poboación. A partires das 19:30 horas, o médico internista Alfonso Dopico falará sobre os ictus.

O venres 19, a Escola Municipal de Música inaugura o ciclo Música en Familia co concerto ‘Piano e Conxunto Vocal’ desde as 19:30 horas. Trátase dunha actuación do alumnado para dar a coñecer os seus progresos musicais a familias e amizades. A entrada é libre ata completar aforo.

Tras esa primeira data, a Escola de Música acollerá as seguintes audicións, sempre desde as 19:30 horas. O martes 23 de abril, a audición de Guitarra e Percusión. O venres 26, a audición de Música e Movemento. Por último, o martes 30, a audición de Canto, Vento Madeira e Metal.

Un día despois do inicio deste ciclo, a Alameda acolle o VII Son Cervexeiro Cantos de Taberna 2024. Trátase dunha festa popular coa que a Escola de Gaitas pretende que o pobo goce dunha xonada chea de música tradicional. Pola mañá terán lugar eses cantos e o xantar popular. Pola tarde, diversos grupos percorrerán os bares.

O martes 23 de abril, a Biblioteca Municipal celebra o Día do Libro desde as 19:00 horas coa presentación da campaña ‘Ortigueira le’, na que a través dun vídeo diferentes lectores farán recomendacións ou contarán que están a ler. Tamén será a quenda da presentación do último libro da autora local Marta Y. Sanjurjo.

Xa na derradeira fin de semana do mes, as motos marcan a axenda. Tanto o sábado 27 como o domingo 28, Ortigueira acolle a II Concentración de Motor ‘Os de Sempre’, que contará con rutas turísticas, xantar popular, música, bailes ou sorteos na carpa da Alameda, ademais dunha exhibición. Agardanse preto de 300 persoas.

O sábado 27 o teatro municipal acollerá ás 18:00 horas a representación infantil familiar ‘O Xardín de Vila Gris’, ideal para a rapazada de 4 a 9 anos. Por 3 euros, os pequechos e pequechas poderán gozar dunha obra que busca fomentar valores sobre a trascendencia da preservación da contorna natural.

Por último, a tarde do domingo 28 ás 19:00 horas, o Grupo de Música e Baile Xacarandaina celebrará co seu baile tradicional o Día Internacional da Danza.

A maiores, este mes comeza a cuarta edición da Formación Universitaria para Maiores de 50 anos en Ortigueira, previa inscrición.

Back to top