Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

ORTIGUEIRA PREPARA O ENTERRO DA SARDIÑA PARA DESPEDIR O ENTROIDO

O Concello de Ortigueira prepara para o vindeiro venres, 28 de febreiro, o Enterro da Sardiña co que se despedirá o Entroido deste ano. O “cortexo fúnebre” sairá da biblioteca municipal ás 20.00 horas, para percorrer -acompañado pola Escola de Gaitas de Ortigueira as rúas Francisco Santiago e Luciano Pita ata a Alameda, onde terá lugar a queima. Ademais, sortearase unha cesta de produtos típicos do Entroido entre os asistentes en agradecemento por acompañar a sardiña vestidos de rigoroso loito. A iniciativa do Concello conta coa colaboración do departamento de Madeira e Moble do IES de Ortigueira.

Por outra banda, déronse a coñecer os premios dos concursos de doces e disfraces celebrados o domingo e luns respectivamente. No primeiro resultaron gañadores Norbita Rey Timiraos e Paula Pena López co primeiro e segundo posto na categoría de orellas; Ana María Loureiro Villasuso e Norbita Rey na de bolas; Cristina González Muíño e de novo Norbita Rey na de freixós e Elvio Manuel Mayo Priegue e Fina Villasuso Salas na de pestiños. A subvención participativa foi para a AMPA Curuxeira de Ortigueira.

No concurso de disfraces os premios foron para “El gallo Bartolito”, “Centrifugado” e “A duquesa do Bimbe” na categoría individual; “Cómo entrenar a mi dragón” e “O labrego, o espantallo e a cabaciña” no de parellas e tríos; “De oca a oca”, “Hasta los huevos…Sorpresa!” e “Plutonianos ¡dame tu cosita!” na de grupos de 4 a 10 integrantes; “Dejavú: hacia el corazón del Amazonas”, “Los Morochos:Al-Sultán”, “Suca Zumba: Leyendas de Hadas y Libélulas” e “Fondo Marino”, na de grupos de 11 integrantes e máis e, na categoría de asociacións ou centros educativos do municipio resultou gañadora a “Santa Compaña”.

Os premios rondaron os 4.500 euros.

Back to top