Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

ORTIGUEIRA PARTICIPARÁ NO PROXECTO DA DEPUTACIÓN “O RURAL DE TODAS”, QUE NARRARÁ A VIDA DAS MULLERES DO RURAL EN FORMATO AUDIOVISUAL

O Concello de Ortigueira anuncia a súa participación no proxecto audiovisual “O rural de todas”, impulsado pola área de Políticas de Igualdade da Deputación da Coruña. Trátase dunha iniciativa dirixida á rapazada para que elaboren un documental sobre a vida das mulleres do rural contando coa participación dunha ou dúas residentes en Ortigueira.

A primeira parte da actividade -que terá lugar o 3 de agosto, a partir das 10.30 horas no centro social de Ortigueira- será un obradoiro de contextualización e formación audiovisual, cunha duración de tres horas e media no transcurso das que se darán as pautas de como será a rodaxe, facendo unha introdución aos aspectos técnicos. O alumnado terá unha participación activa tanto na elaboración do guion como na busca de documentación, sempre baixo titoría dos monitores.

A segunda parte é a gravación, con data aínda sen concretar aínda que si está previsto que se desenvolva durante oito horas en sesión de mañá e tarde cunha parada para comer.

Para o proxecto, que é gratuíto, hai dez prazas dispoñibles en Ortigueira -participarán outros tres concellos- e o prazo para apuntarse está aberto ata o 30 de xullo no rexistro municipal. A selección farase por orde de inscrición.

Descarga formulario de inscrición

Back to top