Ortigueira convida á súa hostalería a celebrar o Día de Rosalía de Castro preparando o ‘Caldo de Gloria’
O Concello de Ortigueira convida á hostalería do municipio para celebrar o Día de Rosalía de Castro o 23 de febreiro preparando o ‘Caldo de Gloria’.
O departamento de Cultura adhírese, deste xeito, a unha iniciativa impulsada pola Fundación Rosalía de Castro, que pretende fomentar a preparación desta receita inspirada no poema ‘Miña casiña, meu lar’. Na devandita composición, a poetisa explica como facer este caldo.
Deste xeito, o Concello abre un prazo de inscrición que finalizará o venres 16 de febreiro. Para formar parte desta iniciativa e recibir o mantel especial polo Día de Rosalía, os interesados unicamente deben chamar ao teléfono 981 40 00 00 do Concello ou acudir presencialmente ás oficinas do departamento de Cultura, na Casa Consistorial.
Polo momento, o CEIP José María Lage e o Centro Aspromor xa confirmaron que servirán este ‘Caldo de Gloria’ o venres 23 de febreiro cos seus menús do día. Así mesmo, as cociñeiras de Entre Fogóns acudirán á Residencia de Maiores para preparar o caldo e que os usuarios, que colaborarán na súa elaboración, poidan gozar del.
As receitas para cociñar o ‘Cado de Gloria’ son numerosas e a propia Fundación Rosalía de Castro ofrece varias alternativas. Unha delas, desenvólvea a propia escritora no poema. A maiores, na páxina web da entidade propoñen outras variantes.