ORTIGUEIRA CONVÉRTESE NUN DOS PRIMEIROS CONCELLOS EN DOTAR DE MÁSCARAS DE PROTECCIÓN A TODA A SÚA VECIÑANZA
Despois dunha semana de intenso traballo, o alcalde de Ortigueira, Juan Penabad Muras, comunicou onte o remate do reparto de máscaras de protección contra o coronavirus Covid-19 no municipio. Na última semana, desde o luns, o Concello desenvolveu un labor casa por casa para chegar a toda a poboación, unha tarefa para a que contou coa colaboración das Asociacións de Veciños, ás que agradece a súa disposición, así como a dos traballadores e traballadoras municipais, dos que destaca a colaboración e implicación total no proceso. Ortigueira é un dos primeiros Concellos en dotar a todos os seus habitantes destes elementos de protección, tan necesarios, tanto no centro urbano como nas parroquias, chegando ata o último lugar. Aínda así, se houbera algún veciño que por calquera circunstancia non ten a súa, pódese poñer en contacto cos teléfonos 981 402 542 ou 604 002 167, que funcionan as 24 horas, porque o obxectivo e que niguén quede sin ela.
En total o Concello distribuiu 7.000 máscaras, parte delas entre os traballadores das empresas, un importante esforzó co que “quixo contribuír á prevención de novos contaxios e aportar algo máis de seguridade sanitaria dentro das nosas posibilidades como Concello”, en palabras do alcalde. Este labor é especialmente importante pola actual situación de desabastecemento do mercado. Á espera de que nas vindeiras semanas se normalice e se poidan mercar as máscaras con normalidade, Juan Penabad insiste en que a administración local continuará traballando e dando prioridade aos grupos de maior risco, cos que se mantén un contacto directo e permanente, así como ás persoas que máis necesitan da axuda municipal.
Agora, unha vez que as máscaras están repartidas, o verdadeiramente importante é concienciar da necesidade do seu uso e o alcalde quixo mandar unha mensaxe clara neste sentido. Así, pide aos veciños e veciñas que utilicen as máscaras cando saian da casa para facer a compra ou para ir á farmacia, independientemente da zona na que vivan, tamén no rural. “Á hora de recoller o pan, de atender ao carteiro, etc., poñedeas; eles tamén a levarán posta e deben atendervos con guantes e procurar manter a distancia de seguridade”, insiste. A colaboración do conxunto da veciñanza é fundamental para poder frear a expansión do virus canto antes.