Ortigueira continúa co seu plan de mellora de infraestruturas e renova camiños nas Neves, Insua e Freires
- Acaban de finalizar os traballos que permitiron asfaltar 2,6 quilómetros de pistas, instalar nova sinalización, limpar cunetas e mellorar a drenaxe.
- Actuouse nos accesos a Portoseco e Salgueirón, a vía que vai desde A Igrexa a Ameixeiras e Veiga á DP-4906 e no acceso a Silvao desde a DP-4906.
- O edil de Medio Rural, Miguel Ángel Yáñez, indicou que as actuacións permiten “mellorar as nosas conexións para facer de Ortigueira un municipio máis vertebrado e con estradas con maior seguridade tanto para ou tráfico rodado como para o peonil”.
O Concello continúa coa mellora de infraestruturas de comunicación coa pavimentación de 2,6 quilómetros de camiños rurais nas parroquias das Neves, Freires e Insua. As obras acaban de finalizar e supuxeron un investimento de 94.300 euros financiados a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.
Os traballos de mellora realizáronse no camiño de acceso a Portoseco (As Neves), que conecta o lugar de San Pedro coa parroquia de Insua. Tamén se pavimentou o acceso a Salgueirón (Freires), que une a parroquia de Devesos coa de Cuíña, pasando por Feires. Á súa vez, acondicionouse o camiño de acceso aos lugares de Ameixeiras e Veiga desde o cruzamento da estrada provincial DP-2503 no lugar da Igrexa e ata a DP-4906. Por último, realizáronse labores no acceso a Silvao desde a DP-4906.
Os traballos permitiron mellorar as pistas, próximas a instalacións agrogandeiras e parcelas de uso agrícola, a través dunha capa de rodadura con aglomerado en quente e instalar nova sinalización horizontal co obxectivo de facer destes roteiros itinerarios máis seguros para a poboación. As actuacións tamén incluíron a limpeza de cunetas e a instalación de cuneta de formigón para mellorar a drenaxe.
O edil de Medio Rural, Miguel Ángel Yáñez, indicou que “estas tarefas permiten seguir acondicionando os camiños rurais do noso municipio, co obxectivo de mellorar as nosas conexións para facer de Ortigueira un municipio máis vertebrado e con estradas con maior seguridade tanto para o tráfico rodado como para ou peonil”.