Ortigueira celebra o I Pleno Infanto-Xuvenil
O Salón de Plenos da Casa Consistorial de Ortigueira acolleu na mañá deste luns, 20 de novembro, o I Pleno Infanto-Xuvenil. A iniciativa celebrouse co gallo do Día Internacional dos Dereitos da Infancia e permitiu a unha representación do estudantado ortigueirés ser escoitado polo equipo de goberno local.
Concretamente, 22 rapaces e rapazas de todas as idades dos centros educativos de Ortigueira acudiron ao Concello para exercer como ‘debatidores’ nun pleno no que puideron propoñer iniciativas e apuntar necesidades detectadas no eido infantil e xuvenil.
Os estudantes tiñan traballadas as súas intervencións nunha labor previa na aula, na que desenvolveron xunto aos seus compañeiros unha batería de ideas e argumentacións para presentar ao executivo municipal.
Este I Pleno Infanto-Xuvenil non se celebrou de xeito illado, xa que é o primeiro paso dentro da creación do I Plan de Infancia e a creación do Concello Local de Infancia e Adolescencia que se están a proxectar.