Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Ortigueira e o Centro de Saúde acollen a exposición ‘Implícate, son as túas veciñas’

Desde o 16 de novembro ata o día 30, estará dispoñible no Concello de Ortigueira e no Centro de Saúde a exposición fotográfica da campaña municipal contra a violencia de xénero.

Baixo o lema “Implícate, son as túas veciñas”, búscase concienciar, sensibilizar e reivindicar a necesidade de prever as violencias machistas e implicarse con todas aquelas mulleres que a están padecendo.

Desde o CIM detectouse a necesidade de, mediante a sensibilización da contorna máis próxima das vítimas, intervir para cambiar os estereotipos sociais en relación a este tema. Preténdese, así, promover cambios culturais a nivel local e traballar coa veciñanza ofrecéndolles recursos de actuación ante unha situación de violencia de xénero, non só para a súa denuncia senón tamén para acoller á vítima e rexeitar ao matratador.

O Concello de Ortigueira agradece o apoio da Subdirección de Humanización, Calidade e Cidadanía, da área sanitaria de Ferrol, para levar a cabo esta acción, que nace ao amparo dos fondos do Pacto de Estado e da experiencia profesional do persoal técnico do CIM na atención ás vítimas de violencia de xénero.

O centro de saúde participa de maneira activa no protocolo municipal de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero, xunto con Educación, Avogacía, Xudicatura, Policía Local, Garda Civil, Servizos Sociais e CIM.

A Organización Mundial da saúde declarou a violencia de xénero coma un problema de saúde pública, sendo un factor crucial no deterioro da saúde das mulleres e os seus fillos. Trátase dun problema que ocasiona graves problemas de saúde física, psíquica, sexual e reprodutiva para a muller. Os profesionais da saúde están formados para axudar ás mulleres que sofren maltrato. Principalmente, os profesionais dos centros de saúde, por proximidade e accesibilidade, son claves para detectalo, intervir a tempo e derivar a outros servizos ou recursos, de ser necesario.

A mostra foi presentada ao VIII concurso de Boas prácticas locais contra a violencia de xénero, convocado pola FEMP e o Ministerio de Igualdade.

Back to top