Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

ORTIGUEIRA CELEBRA ESTA FIN DE SEMANA O 30º ANIVERSARIO DA FEIRA DO MEL E A IV FEIRA DA MAZÁ

Esta fin de semana, o sábado 10 e o domingo 11, celebraranse en Ortigueira a XXX edición da Feira do Mel e a IV da Mazá, dúas iniciativas que se xuntan nas mesmas datas para promocionar dous dos produtos máis importantes da zona.

O programa comezará o sábado ás 10.30 horas, cun percorrido polas maciñeiras das que saen as mazás que se utilizan para facer sidra. O punto de partida para a ruta é o Centro Social de Ortigueira.

Ás 13.30, no mesmo Centro Social, a Indicación Xeográfica Protexida “Mel de Galicia” organiza unha cata deste produto dirixida por Beatriz Ríos, do Consello Regulador da IXP.

Xa pola tarde, ás 18.30, celebraranse unha serie de actos para conmemorar o trixésimo aniversario da Feira do Mel. Xosé Torres Romar, presidente da Asociación Galega de Apicultura, ofrecerá no Teatro de Beneficencia unha conferencia sobre un tema moi actual, as perspectivas de futuro da apicultura galega e a loita pola supervivencia das abellas. Tamén haberá unha exposición retrospectiva de evolución da feira cunha homenaxe aos seus fundadores.

O programa do domingo comezará ás 10.00 horas coa inauguración e apertura da feira propiamente dita, na que se poñerán á venda mel, froitos, artesanía, produtos da comarca do Ortegal e maquinaria agrícola. Na mesma carpa na que estarán os postos celebrarase, á unha da tarde, a entrega de diplomas aos alumnos e alumnas do CEIP José María Lage e CEIP da Barqueira cuxos debuxos foron elixidos para a realización do cartel.

Unha hora despois, ás 14.00, a actividade trasládase ao mercado, onde haberá un showcooking do colectivo “Ortigueira entre fogones”, que prepararán diante dos asistentes petiscos elaborados con mel e mazá e con outros produtos da zona.

Pola tarde, a partir das 16.00 horas, celebrarase na carpa da feira un obradoiro de mel e unha hora máis tarde poderase participar nunha cata de cervexa artesá con mel e hidromel organizada pola empresa Cerveza Castreña. Á mesma hora, no mercado, haberá outro obradoiro, neste caso adicado aos máis pequenos.

A charanga “New Belters” será a encargada de poñer a música para acompañar o programa de actividades.

Back to top