O Privilexio Rodado de Afonso X ‘O Sabio’ xa está en Ortigueira
Ortigueira viviu hoxe unha xornada histórica coa entrega oficial do Privilexio Rodado de Alfonso X “O Sabio” e a Confirmación de Enrique III de Castela. Nun acto cargado de simbolismo, o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, realizou a entrega formal destes valiosos pergamiños, que estarán na localidade grazas ao convenio de comodato asinado coa Fundación Pública Galega Camilo José Cela, entidade propietaria das pezas. O evento contou coa presenza do conselleiro de Cultura, José López Campos, representantes do padroado da fundación e a totalidade dos membros do goberno local, quen quixo arroupar este fito para o patrimonio do municipio.
A cerimonia iniciouse no Teatro da Beneficencia da vila, onde os documentos foron presentados ante a audiencia antes do seu traslado definitivo á Casa do Concello. Tras a firma no libro de invitados por parte das autoridades, o Privilexio Rodado foi instalado no salón de sesións, o lugar de honra onde permanecerá exposto. Este pergamiño, datado orixinalmente en 1255, outorgou no seu día o foro de Benavente a Ortigueira e consolidou o seu carácter como vila real baixo dependencia directa do monarca.
O alcalde de Ortigueira, Valentín Calvín, mostrouse profundamente emocionado durante o acto e destacou que o día de hoxe representa “o cumprimento dun compromiso coa memoria de todos os veciños e veciñas”. O rexedor afirmou que recuperar o documento fundacional da vila é un acto de “xustiza histórica que devolve a Ortigueira unha parte esencial da súa identidade”. Así mesmo, Calvín valorou positivamente a colaboración entre institucións para facer realidade este acto histórico.