O PLENO DE ORTIGUEIRA APROBA OS INVESTIMENTOS DO POS ADICIONAL 2020 DA DEPUTACIÓN PROVINCIAL, QUE SUPOÑEN 328.600 EUROS
O pleno do Concello de Ortigueira aprobou na súa sesión do pasado xoves, a primeira que se celebra de maneira presencial desde que comezou a crise sanitaria, os novos investimentos con cargo ao POS Adicional 2020 da Deputación Provincial, cun importe conxunto de 328.600 euros.
A corporación ratificou as resolucións da Alcaldía polas que se determinaba a participación nestes programas, o primeiro cun presuposto de 69.178,88 euros e destinado á financiación de gastos extraordinarios derivados da crise do Covid-19. Desta cantidade, a maior parte, 46.178,88 euros, destínanse á adquisición de medidas de prevención (EPI), mentres que os outros 23.000 euros serán para ampliar a dotación das partidas destinadas a garantir ingresos suficientes ás familias de xeito que quede garantida a cobertura das súas necesidades básicas. A proposta resultou aprobada por unanimidade.
O segundo POS Adicional 2020 supón un investimento de 259.420,79 euros, dos que a parte máis importante (133.877,07 euros) diríxese a financiar unha actuación nos espazos exteriores do Mirador de Espasante. A remodelación da Alameda de Santa Marta de Ortigueira contará con 59.591,23 euros dentro deste plan e os 65.952,49 euros restantes destinaranse a gasto corrente. Este punto foi aprobado cos votos do PSOE e o PP, mentres que Centristas e Primeiro Ortigueira abstivéronse.
O pleno tamén deu o visto bo a unha modificación no proxecto da obra de mellora de accesibilidade na parte norte da residencia de anciáns Dolores Díaz Dávila, derivada da imposibilidade técnica de acometer a colocación dunha pérgola contemplada inicialmente. Este punto foi aprobado por unanimidade.