Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O PLENO APROBA UN ORZAMENTO “REALISTA” DE CASE 6 MILLÓNS DE EUROS E CENTRADO NO FOMENTO DE EMPREGO E NA ECONOMÍA SOCIAL, NO FORTALECEMENTO DOS SERVIZOS Á VECIÑANZA E A EXECUCION DE INVESTIMENTOS E AS POLÍTICAS SOCIAIS

O pleno do Concello de Ortigueira aprobou na súa sesión do dia 11 os presupostos municipais para o presente ano 2021, unhas contas que ascenden a 5.979.640,74 euros e que foron aprobadas cos votos do goberno local, a abstención de Primeiro Ortigueira e o voto en contra de PP e Centristas.

O alcalde, Juan Penabad Muras, subliñou que é un orzamento “equilibrado, real e austero”, ao tempo que destacou que inclúe propostas formuladas pola oposición “dentro das posibilidades que ten o Concello”. Engadiu que contempla as partidas necesarias e axeitadas para prestar servizos á cidadanía e que contribuirá a seguir mellorando a calidade de vida dos veciños e veciñas. Muras insistiu na necesidade de ser realistas e de non volver a épocas anteriores de “endebedamento do Concello ata límites insospeitados”.

Así, insistiu en que o Concello recorrerá a todas as convocatorias de axudas realizadas desde as administracións estatal, galega e provincial para poder acadar novos investimentos e actividades que redunden en beneficio de Ortigueira. Engadiu asimismo que, aínda sendo realistas nas previsións e recollendo contías á baixa en todos os capítulos de ingresos, mantéñense as bonificacións e exencións contempladas nas ordenanzas fiscais. Facendo referencia á especial situación que se vive como consecuencia da pandemia da Covid-19, Muras destacou que o Concello seguirá tramitando, en conxunto coa Deputación e a Xunta, axudas para os autónomos, empresas e sector primario de Ortigueira.

Polo miúdo, as contas destinan 3.330.817,34 euros a gastos de persoal, incluíndo os incrementos que establece a Lei Xeral de Presupostos do Estado. O alcalde insistiu en que este capítulo é imprescindible para dar cobertura e prestación aos servizos á veciñanza.

O gasto social supón 1.246.917,42 euros, o que representa máis do 20% do total do orzamento. A esta cantidad engadiríanse os máis de 300.000 euros de investimento que suporá a realización do Obradoiro de Emprego Terras do Ortegal. Precisamente a aportación municipal para a organización deste taller procede do aforro conseguido coa regularización de contratos como o de subministro de enerxía ou as pólizas de seguros dentro do capítulo de gasto corrente, que ten un importe total de 1.959.858,54 euros. O obradoiro terá como obxectivo a formación de 20 persoas na área de atención sociosanitaria a dependentes en institucións, un proxecto no que colaboran os concellos de Mañón e Cariño e para o que xa foi tramitada a correspondente solicitude por parte do de Ortigueira. Neste mesmo capítulo de gasto corrente inclúense o servizo de limpeza de edificios e instalacións municipais, a xestión da piscina municipal e un apartado que o alcalde considera de especial interese: o contrato para facerse cargo dos montes municipais, que será imprescindible cando se anulen os consorcios ou convenios coa Xunta nesta materia.

Ao apartado de gastos financieiros resérvanse 5.087,39 euros, unha cantidade algo superior á do ano anterior que é necesario consignar para poder facer fronte á aplicación das normas e directrices da Unión Europea en relación co cobro de comisións por parte dos bancos e entidades financieiras, cada vez máis gravosas para as arcas municipais, puntualizou o alcalde.

Nos 115.000 euros reservados para transferencias correntes inclúense as subvencións que o Concello concederá durante o ano, entre elas as destinadas a asociacións culturais e deportivas sen ánimo de lucro -que serán de concorrencia competitiva- e as dúas de carácter nominativo para a Asociación Pro Minusválidos do Ortegal (70.000 euros) e a Confraría de Pescadores de Espasante (25.000 euros).

Aplicando un criterio realista no cálculo dos ingresos, Muras explicou á corporación que non é posible financiar grandes investimentos con fondos propios, polo que neste capítulo figuran as obras do POS, que se acometerán integramente con cartos da Deputación e cunha partida municipal de 10.000 euros, así como outros 10.000 euros para o contrato de redacción do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal, para o que tamén se solicitarán axudas á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo. Nesta mesma parte dos orzamentos dedicada a investimentos figuran outros financiados por administracións alleas ao Concello, como os incluídos no Fondo de Compensación Ambiental. Os 164,256,28 euros deste fondo dedicaranse á compra dun novo camión de recollida de resíduos sólidos urbanos (55.600 euros); a adquisición de colectores amarelos (3.610); unha desbrozadora de brazo (35.090); a nova iluminación LED no núcleo de Ortigueira e a súa contorna (69.896,28) e a mellora de camiños en As Neves, Freires e Ínsua (87.818,16).

Os presupostos saíron adiante nun pleno no que tomaron posesión os novos concelleiros do PSOE e no que se aprobaron tamén outros asuntos destacados como o inicio da contratación do subministro de enerxía eléctrica -que permitirá avanzar no cumprimento do Pacto de Alcaldes aprobado hai uns días reducindo as emisións de dióxido de carbono á atmosfera- ou a excención de taxas para as terrazas de hostalería durante este ano.

Os concelleiros que se incorporaron ao grupo socialista son Miguel Ángel Yáñez Lorenzo, María Dolores Lamelas Pena e José Luis Pérez López. Todos eles recibiron a medalla corporativa por parte do alcalde, Juan Penabad Muras, que lles deu a benvida e animounos a aportar o seu labor en beneficio da veciñanza. “Traballo non vos vai faltar, pero sei que ides poñer toda a vosa vontade e esforzo para resolver con eficacia os problemas dos veciños e veciñas”, destacou.

O pleno acordou por unanimidade iniciar o expediente de contratación para a subministración de enerxía eléctrica, para o que a referencia será o acordo marco establecido pola Central de Contratación da Federación Española de Municipios e Provincias, que contempla un 50% de enerxías renovables. Iberdrola, Endesa e Gas Natural serán as empresas ás que se invitará a presentar ofertas en base a estes criterios.

Tamén foi votada por unanimidade a modificación á baixa da taxa pola prestación do servizo de recollida de basuras, que contempla un canon bonificado de 62,50 euros por tonelada fronte aos 69,48 que se viñan pagando ata o momento. Esta rebaixa será repercutida no recibo dos contribuíntes a partir do segundo semestre do ano, unha vez que se aprobe a modificación da ordenanza correspondente. Para o Concello, este aforro representará 16.765 euros, un 3,875% do importe total.

A situación actual das terrazas de hostalería foi abordada igualmente no pleno. O alcalde anunciou que xa comezou a tramitación para regular estas instalacións e que así lle foi notificado ao presidente da asociación que aglutina a este colectivo. A entidade ou calquera interesado poderán presentar as súas suxestións ata o 26 de marzo e a partir de aí redactarase o novo borrador tendo en conta na medida do posible estas aportacións. Na sesión acordouse unha nova exención das tasas por este concepto.

Na sesión ratificouse, por outra parte, o acordo cos representantes sindicais e a Mesa de Negociación do Concello para converter as prazas de traballador/a social e axuliares administrativos en persoal funcionario, cumprindo así a lexislación vixente, que impón que estas deben ter natureza funcionarial e non de persoal laboral.

Outros puntos aprobados no pleno foron a ratificación do expediente de desafectación dunha parte da fábrica de salgadura do porto de Espasante, que permitirá desenvolver neste inmoble un proxecto privado relacionado co turismo, e unha transferencia de crédito para facer fronte á demolición dunha vivenda no lugar de Ervelleiro (Barbos) cumprindo unha sentenza do TSXG.

Back to top