Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O MERCADO ANTIGO DE ORTIGUEIRA SERÁ REHABILITADO PARA EVITAR AS FILTRACIÓNS DE AUGA

O Concello de Ortigueira levará a cabo obras de rehabilitación por importe de case 33.000 euros IVE incluído (32.985) no antiguo mercado da vila, con cargo ao Plan Único da Deputación.

Trátase dun investimento que o goberno municipal considera prioritario polas filtracións de auga que rexistra e tamén pola importancia de conservar o patrimonio arquitectónico local. Neste sentido cabe lembrar que o antiguo mercado -situado na praza de Isabel II, fronte ao edificio do Concello e onde se atopaba ata 1857 o cárcere- é unha construción que data de 1917 e que viu substituír a unha anterior de 1861.

O seu característico deseño -con dúas filas de cinco columnas de ferro forxado colocadas sobre pedra, un teito de madeira con celosía e pontóns e unha cuberta de tella plana- será respectado coas vindeiras obras. As empresas poden presentar as súas ofertas ata o día 30 de outubro.

O tellado será renovado cunha cuberta similar á actual e substituiranse os elementos estruturais deteriorados polas filtracións de auga. As columnas recibirán un tratamento anticorrosivo e levarase a cabo o decapado e eliminación da pintura vella aplicando tamén unha protección fronte aos xilófagos.

O goberno ortegano quere iniciar as obras antes de que remate o ano. O prazo de execución é de dous meses.

Back to top