Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O GOBERNO DE ORTIGUEIRA PRESENTA UNHA PROPOSTA INICIAL DE AXUDAS MUNICIPAIS POR PERDA OU MERMA DA ACTIVIDADE ECONÓMICA POR UN IMPORTE TOTAL DE 200.000 EUROS

O alcalde de Ortigueira, Juan Penabad Muras, expuso onte aos voceiros dos grupos políticos municipais a proposta de axudas municipais para os sectores que cesaron na súa actividade como consecuencia da declaración do estado de alarma ou que viron reducida notablemente a súa facturación. O programa, elaborado pola Concellería de Promoción Económica -asesorada pola Secretaría Xeral do Concello- a instancias do alcalde, Juan Penabad Muras, contempla axudas para autónomos e empresas por un importe inicial de 200.000 euros, aínda que podería incrementarse se resulta necesario. O acordo alcanzado co apoio dos portavoces municipais -que aínda está pendente da aprobación plenaria para entrar en vigor- supón que os que tiveron que paralizar o traballo recibirán unha achega de 1.000 euros, mentres que os que rexistraron perdas significativas obterán 600 euros. “Vamos ir tomando decisións en previsión do que poida vir e diante da nova situación económica que haberá que enfrontar como consecuencia do coronavirus”, dixo o alcalde, “e dentro de esa liña o goberno local reservará a porcentaxe do remanente de tesourería que pode usar legalmente, aínda que cremos que as partidas que temos son suficientes polo de agora para facer fronte á situación”. A proposta do goberno toma como base aplicacións normativas que están desenvolvendo outras administracións para cubrir estas mesmas necesidades derivadas da perda ou merma de actividade pola crise do Covid-19, adaptándoas á realidade de Ortigueira e tamén á situación económica e xurídica do Concello.

O rexedor municipal expresou a súa disposición para conseguir un consenso o máis amplo posible co resto dos grupos que forman parte da corporación e, neste sentido, agradeceu a “responsabilidade e sentido institucional” das forzas políticas. “Estamos nunha situación de incertidume en moitos ámbitos, polo que os pasos que deamos nestes momentos teñen que ser seguros e garantir axudas reais á xente que máis as necesita”, explicou Juan Penabad, “por iso pido responsabilidade á hora de presentar propostas, que nos escoitemos, que teñamos os pés na terra e que non se faga demagoxia nin política partidaria con este tema”. Na reunión cos grupos, destacou, iniciouse “unha vía de entendemento necesaria para remar todos na mesma dirección”. “A unión dos distintos grupos políticos, independentemente das razóns ideolóxicas de cada un, é necesaria para sacar isto adiante, de aí que agradeza a disposición que os voceiros mostraron na xuntanza”, insistiu.

A intención do alcalde é que as axudas se poidan convocar o máis axiña posible e agarda tamén que outras institucións actúen do mesmo xeito. “Os Concellos, en xeral, temos os recursos que temos e estamos a facer consenso para axudar aos nosos veciños e veciñas, por iso pido tamén que as administracións supramunicipais axilicen as súas liñas de subvencións para autónomos e empresas”, argumentou.

Back to top