O Entroido chega a Ortigueira os días 26, 27 e 28 de febreiro con actividades para toda a familia e concursos con máis de 5.000 euros en premios
- O Concello organiza diferentes eventos na Alameda e outras localizacións que inclúen pasacalles, degustación de doces típicos, festas con inchables e obradoiros infantís.
- O luns 28 de marzo a partir das 21:00 horas celebrarase o desfile de disfraces. As inscricións seguen abertas.
Ortigueira contará este ano cunha ampla programación de Entroido que se celebrará os próximos días 26, 27 e 28 de febreiro. Contará con actividades para toda a familia e concursos de disfraces con máis de 5.000 euros en premios.
Segundo explicou o concelleiro de Cultura, Juan Cao, “ trátase dun calendario con diferentes opcións de entretemento nas que non falta a comida tradicional desta celebración, a música nin vos tradicionais desfiles e certames de disfraces”. Neste sentido, agradeceu “a colaboración de todas as organizacións implicadas” e convidou a veciñas e veciños a “participar e conmemorar ou noso Entroido con responsabilidade”.
O primeiro día de actividades será o 26 de febreiro. A comisión de festas Porto de Espasante organiza neste lugar unha xornada que contará con pasacalles, sesión vermú, comida popular e verbena.
O 27 de febreiro, Día do Nenos e dos Doces, o Centro Social de Ortigueira albergará un obradoiro de doces infantís a partir das 11:00 horas a cargo de Mundo Diversión. Ás 17:00 horas, na carpa instalada na Alameda, arrincará o desfile de disfraces infantil, unha actividade na que colabora a Asociación de Comercio e Hostalería Ortegana.
A continuación, o recinto acollerá unha festa infantil con inchables e xogos, ademais de acompañamento musical. O día clausurarase cunha degustación de doces de Entroido na que colabora Ortigueira Entre Fogóns.
A gran cita do Entroido ortegano terá lugar o 28 de febreiro. A carpa da Alameda volverá acoller unha festa infantil a partir das 17:00 horas, mentres que ás 18:00 horas arrincará o pasacalles da charanga Alecrín.
Xa de noite, ás 21:00 horas, comezará o desfile de disfraces desde a Biblioteca Municipal Fernández Latorre ata a carpa da Alameda. Ás 22:00 horas está programado o inicio do baile, que culminará ás 00:30 horas coa entrega dos correspondentes premios e o inicio da festa do Entroido coa orquestra Miramar.
Inscricións no concurso de disfraces
As persoas interesadas en participar no concurso de disfraces, que este ano contará con máis de 5.000 euros en premios, poderán inscribirse de maneira presencial na Casa do Concello antes das 14:00 horas do venres 25 de febreiro. Tamén se poderán formalizar inscricións a través do correo ortigueiracultura@gmail.com enviando cuberta a folla de inscrición antes das 18:00 horas do domingo 27. Como última opción, poderanse apuntar o propio día 28 na Biblioteca Municipal Fernández Latorre en horario de 19:00 a 20:30 horas.
Tanto a folla de inscrición como as bases do concurso están dispoñibles na páxina web municipal a través desta ligazón