O CONCELLO SOLICITA Á XUNTA QUE REDUZA A VELOCIDADE DE CIRCULACIÓN E PROHIBA OS ADIANTAMENTOS NA AC-862
O Concello de Ortigueira solicita á Xunta de Galicia que modifique a sinalización da estrada autonómica AC-862 para reducir a velocidade de circulación e prohibir os adiantamentos no tramo que vai desde o punto quilométrico 48+700 ao 49+450.
O equipo de goberno local trasladou o pasado 20 de maio ao Goberno autonómico esta petición ao constatar que os vehículos que circulan por esta plataforma nas parroquias de Senra e Cuíña fano a unha elevada velocidade, supoñendo un grave risco para o tránsito rodado e peonil. Todos os anos adoitan producirse accidentes de tráfico na zona.
A zona na que o Concello solicita a actuación afecta os núcleos rurais de Calzadas, Clara, Nogueirido, Pormellor, Rabo de Gato, Rúa, Salgueiro o Cancelo de Arriba, entre outros, zonas que contan cun elevado tráfico rodado e peonil ao ser lugares residenciais, que contan con dous bares e unha tenda de comestibles. A isto súmanse seis saídas a camiños municipais e unha á base de emerxencias e Policía Local.
“Os veciños e veciñas da parroquia de Cuíña transmitíronnos a súa preocupación pola velocidade á que os vehículos circulan por esta estrada autonómica, problemática que queda patente cos accidentes que se adoitan producir na vía”, señala el alcalde del municipio, Juan Penabad Muras. “O noso máximo obxectivo desde o Concello e garantir a seguridade de todas as persoas que circulen por esta estrada autonómica. Por este motivo solicitamos á Xunta que tome medidas para incrementar e preservar a seguridade na zona coa redución da velocidade e a prohibición dos adiantamentos”, remarcou.
O rexedor indicou que anteriormente xa se pediu tamén á Xunta a transferencia do tramo que vai desde a rotonda de Cuíña á de Barbos, coa posibilidade de ampliar esta cesión ata Ladrido e a zona do polígono industrial. Polo momento, unicamente realizarase a cesión de competencias da Xunta ao Concello desde a rotonda de Cuíña á de Ladrido, en proceso de efectuarse.
“Unha vez teñamos a competencia sobre o tramo, desde o Concello pretendemos instalar nova sinalización, semáforos, pasos de peóns e cambiar os límites de velocidade, entre outros sistemas de control para garantir a seguridade dos peóns”. O Consistorio tamén solicitou a cesión do mantemento das rotondas para poder acondicionalas.