Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello sae do Plan de Axuste baixo o que estaba desde 2012

O Concello de Ortigueira sae definitivamente do Plan de Axuste que rexía as súas contas desde o ano 2012. Despois dunha década baixo unha estrita regra de gasto, que condicionada todos os movementos do goberno local, o Ministerio de Facenda deu luz verde para que as contas deixen de estar intervidas.

“É unha moi boa nova”, destaca o alcalde de Ortigueira, Juan Penabad Muras, que explica que “neste ano 2022 estaba marcada unha revisión na que o Ministerio tiña que comprobar que se cumprían todas as condición marcadas para saír do Plan de Axuste”. “Grazas á xestión levada a cabo, e corroborado o cumprimento da regra de gasto, o Concello deixará atrás esta época escura evitando unha prórroga do Plan de Axuste”, afirma.

Muras agradeceu “aos nosos veciños e veciñas o esforzo feito durante estes anos” e incide en que “coa situación que herdamos, tivemos que aplicar un férreo control económico para chegar a este punto”, facendo referencia á boa situación económica na que se atopa agora o Concello “logrando ter un período medio de pago a provedores de 21 días”. “Agora ábrese unha nova etapa para Ortigueira”, avanza.

Así, tras facerse efectiva a saída do Plan de Axuste e non ter que cinguirse á regra de gasto, agora o Concello poderá realizar máis investimentos, optar a subvencións que ata o de agora non podía recibir ao non poder sufragar a porcentaxe correspondente ao gasto municipal, ou baixar impostos e tributos á cidadanía.

O equipo de goberno local mostrou a súa satisfacción por poder saír un ano antes do previsto do plan de axuste, que limitaba o uso dos fondos municipais para realizar actuacións no municipio. “Grazas á xestión do goberno local ábrese unha nova etapa na que deixamos de estar intervidos”, sinalou o rexedor.

Centrando os esforzos na xestión económica

Desde o ano 2015 o Concello cancelou toda a débeda contraída cos bancos e desde o 2017 cumpriu, ano a ano, cos parámetros económicos marcados pola regra de gasto e a estabilidade orzamentaria esixida polo Ministerio de Facenda. “Isto indica unha boa xestión das arcas municipais, que agora é recoñecida e valorada” destacou Penabad que lembra que “aínda que o ano pasado se nos notificou que podiamos saír e finalmente botáronse atrás inexplicablemente, un ano despois confírmase que estabamos e estamos nunha boa situación económica, inimaxinable cando entramos non goberno”.

“Fixemos un esforzo moi grande para arranxar a mala xestión dos nosos predecesores, un esforzo que agora dá vos seus froitos e que permitirá que Ortigueira poida ser un Concello xestionado con normalidade, que poida ter acceso a fondos que lle permitan mellorar a vida da veciñanza”, salientó.

Ademais, xerouse un remanente de tesourería de 2,5 millóns de euros, que agora poderá ser utilizado para realizar investimentos que permitan dar mellores servizos aos veciños e veciñas de Ortigueira.

Antecedentes

No ano 2012 o Concello solicitou un préstamo de preto de 1,8 millóns de euros para o pago a provedores polo que, ademais de por outras débedas xa contraídas para as que se solicitasen diferentes préstamos que xa se liquidaron, o Ministerio de Facenda impuxo un Plan de Axuste.

O programa contaba cunha vixencia de 10 anos, ata o 2022, momento no que o organismo estatal levou a cabo unha revisión para confirmar se se cumprían as condicións de saída ou, pola contra, establecíanse outro tipo de medidas. Este goberno local cumpriu cos parámetros de regra de gasto e estabilidade orzamentaria durante o período mencionado e por este motivo o Ministerio de Facenda comunicou a saída oficial do Plan de Axuste.

Back to top