O Concello implica ao comercio local na loita contra a violencia machista co ‘Punto Violeta’
- O Centro de Información á Muller (CIM) presentou a membros da Asociación de Comercio e Hostalería Ortegana este recurso, que busca que os establecementos do municipio sexan un espazo seguro de axuda e atención ás vítimas de violencia de xénero
O Concello de Ortigueira, da man do Centro de Información á Muller (CIM), presentou o ‘Punto Violeta’ a membros de Asociación de Comercio e Hostalería Ortegana (ACO). “Queremos difundir este recurso para que os establecementos do noso municipio sexan un punto de axuda e información ás vítimas de violencia de xénero, unha porta aberta a toda a que o precise”, explicou a concelleira de Igualdade, María Lamelas.
Este instrumento, promovido polo Ministerio de Igualdade para implicar ao conxunto da sociedade na loita contra a violencia machista, converte aos locais que o teñan nun espazo seguro ao que as mulleres que están a sufrir violencia machista poidan acudir para pedir axuda e información.
O CIM de Ortigueira pretende achegar ás empresarias e empresarios a este servizo de atención ás vítimas e facilitar a información precisa sobre como actuar ante un caso de violencia machista desde establecementos, empresas, entidades e organismos públicos. Na reunión as persoas participantes aprenderon a actuar e atender a unha muller que acuda ao seu local. O CIM tamén facilitou unha guía sobre o ‘Punto Violeta’.
“Agradecemos a ACO Ortigueira a súa colaboración na difusión desta iniciativa. Agardamos que, proximamente, establecementos do noso concello a poidan poñer en marcha”, sinalou Lamelas. Desde o CIM informaron de que as persoas interesadas en colocar o distintivo poden dirixirse ao centro para máis detalles ou consultas. “ Ademais, aquelas e aqueles que non puidesen estar na reunión poden recoller material non CIM”, sinalaron.