O Concello facilita a conciliación este Nadal co programa ‘Sen cole no cole’, que abre inscricións
- Esta prestación dirixida aos nenos e nenas do municipio desenvolverase no CEIP José María Lage os días 22, 23, 27, 28, 29 e 30 de decembro e 3, 4, 5 e 7 de xaneiro en horario de 09:00 a 14:00 horas.
- As persoas interesadas en apuntarse poderán facelo no rexistro do Concello ata o 20 de decembro
O Concello abre o prazo para inscribirse no programa ‘ Sen cole non cole’ dirixido a nenos e nenas do municipio. Este Nadal, a concellería de Igualdade volve poñer en marcha esta iniciativa, a través da que se pretende “facilitar a conciliación da vida familiar e laboral neste período vacacional dunhas datas tan sinaladas coma estas”, indicou a concelleira da área, María Lamelas.
A iniciativa levarase a cabo os días 22, 23, 27, 28, 29 e 30 de decembro e 3, 4, 5 e 7 de xaneiro nas instalacións do CEIP José María Lage en horario de 09:00 a 14:00 horas. O Concello habilita un total 20 prazas para o servizo, asignadas por orde de inscrición, tendo preferencia aqueles nenos e nenas que estean empadroados no municipio e cuxos pais necesiten conciliar vida familiar e laboral.
As persoas interesadas en apuntarse poderán facelo ata o 20 de decembro no rexistro do Concello. ‘ Sen cole non cole’ enmárcase nas actividades do programa municipal de conciliación ‘ Conciliortigueira’ cofinanciado pola Secretaría Xeral de Igualdade e o Fondo Social Europeo.