Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO DE ORTIGUEIRA XA CONTA CUN CENTRO DE FORMACIÓN

O alcalde de Ortigueira, Juan Penabad Muras; o concelleiro de Obras, Juan Cao, e a orientadora laboral, Marika Álvarez, acudiron esta mañá á entrega das obras do Centro de Formación de Ortigueira, un recurso polo que o goberno municipal veu traballando nos últimos tempos dentro da súa estratexia de crear emprego e ofrecer formación para fixar poboación na vila. Esta liña de actuación está especialmente dirixida a persoas de entre 35 e 45 anos de idade.

Os traballos supuxeron un investimento de 42.569,64 euros, dos que o Concello aporta arredor de 12.000, un 30%. O resto cofinánciase a través de fondos europeos, da Xunta e o Goberno central. O goberno local expresou a súa satisfacción por ter rematadas estas obras, fundamentais dentro do traballo que desenvolve o Instituto Ortegano de Promoción Económica (IOPE). O centro está situado nunha parcela propiedade do Concello dentro do polígono industrial de A Rega-Cuíña e, unha vez concluídos os traballos de adecuación, xa se poden desenvolver nel cursos de formación dentro dos sectores estratéxicos que contempla o IOPE: Agricultura, gandeiría, forestal, turismo, comercio, hostalería e atención a maiores.

Nestes momentos estase a tramitar a homologación do centro diante da Xunta de Galicia para impartir formación acreditada.

Back to top