O Concello de Ortigueira retoma a celebración do Día Internacional da Muller Rural co XII Encontro de Mulleres de Ortigueira
- A cita terá lugar no Restaurante Orillamar de Espasante o vindeiro domingo 16 de outubro
- As inscricións poden formalizarse no CIM de Ortigueira ata o 11 de outubro ou ata esgotar prazas
O Concello de Ortigueira retoma, tras a pandemia, a celebración do Día Internacional da Muller Rural co XII Encontro de Mulleres de Ortigueira.
O acto, organizado polo Concello de Ortigueira a través da concellería de Igualdade, terá lugar o próximo 16 de outubro no Restaurante Orillamar de Espasante.
O programa iníciase ás 13:00 horas coa recepción das participantes. A continuación, presentamos os libros deste ano de “Con voz de muller” das parroquias de Couzadoiro e San Adrián.
No programa “Con voz de muller”, o Concello traballa con mulleres das distintas parroquias e tras ese traballo recollen as súas vivencias, experiencias e demais, para recompilalas nun libro que se presenta publicamente.
Ás 14:15 dará comezo a tradicional comida de convivencia.
As inscricións están abertas ata o próximo 11 de outubro no CIM de Ortigueira ata esgotar as prazas.