Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Ortigueira reforza o servizo de limpeza e mantemento dos areais para a tempada 2025

O Concello de Ortigueira, baixo a dirección da Concellería de Urbanismo, Medio Ambiente e Medio Rural liderada por Jaime Vicente Ponce Piñón, pon en marcha un ano máis o plan estratéxico de limpeza e conservación das súas praias para a anualidade 2025.

Esta actuación, fundamental para o cumprimento das competencias municipais en materia de costas , ten como obxectivo primordial manter os areais en óptimas condicións de salubridade e conservación, incentivando así o sector turístico e hostaleiro da vila.
Os traballos de limpeza estenderanse durante un período de sete meses, concretamente entre o 1 de abril e o 31 de outubro de 2025. Para a execución destas tarefas, o Concello adscribirá persoal municipal de natureza estrutural , contando cun equipo coordinado por un encargado de limpeza e varios peóns especializados.

O plan de traballo contempla unha intervención integral sobre unha superficie total de máis de 450.000 metros cadrados de zona de baño. As principais tarefas a realizar inclúen:
• Retirada manual de residuos: Eliminación de algas, plásticos, latas e outros refugallos depositados polas mareas ou os usuarios.
• Xestión de lixo: Baleirado periódico de papeleiras e colectores instalados nos areais.
• Mantemento de infraestruturas: Limpeza e conservación de duchas, lavapés e aseos públicos.
• Coidado do contorno: Rozado e acondicionamento das zonas de tránsito de bañistas e limpeza dos espazos naturais públicos limítrofes ás praias.

Ámbito de actuación

Aínda que as tarefas se desenvolverán en todo o termo municipal, prestarase especial atención aos areais con maior afluencia, como Morouzos (o máis extenso con 2.800 metros), A Concha, San Antonio, Bimbieiro e Picón. Tamén se realizarán labores de mantemento noutras praias de gran valor natural como Ladrido, Ribeira do Carro, Eirón ou Orbeiro.

Con este esforzo, o Concello de Ortigueira reafirma o seu compromiso coa protección do medio ambiente e a calidade dos servizos ofrecidos tanto aos veciños como aos visitantes que escollen a nosa costa cada tempada.

A execución deste programa contará co financiamento da Deputación da Coruña, mediante unha subvención de 27.048,93€, que permitirá a cometer as actuacións descritas.

Back to top