O Concello de Ortigueira presenta unha ampla programación cultural para novembro marcada polo 25N
O Concello de Ortigueira desenvolverá durante este mes de novembro unha ampla programación cultural que incluirá actuacións musicais, de teatro, cursos formativos e actos contra a violencia de xénero, enmarcados nunha programación especial polo 25N. A axenda municipal inclúe diferentes propostas para todos os gustos e idades.
As actividades darán comezo hoxe mesmo, 3 de novembro, cunha xornada técnica sobre ‘Fertilización e nutrición do monte’ no Teatro da Beneficencia. A xornada está organizada pola Asociación de Silvicultores “Costa Norte”.
Os nenos e nenas de 4 a 9 anos poderán gozar o sábado, día 4, ás 18:00 horas, no Teatro da Beneficencia, da obra de teatro ‘O xardín de Vila Gris’, de Fulano, Mengano e Citano. A entrada terá un prezo de tres euros.
Os mércores 8 e 15 de novembro realizaranse dúas sesións sobre o uso da APP Sergas Móbil e acceso a E-saúde na aula CeMIT. Serán de 10:30 a 12:00 e requírese de previa inscrición para poder participar.
Nesta mesma liña, o xoves, día 9, o Teatro da Beneficencia acollerá unha nova xornada para achegar a medicina á poboación. Esta vez será impartida polas doutoras Castro Charanga, Andrade Carpente e María Fresco. Será ás 19:30 horas e de entrada libre.
O venres continuarán as formacións na aula CeMIT, esta vez cunha xornada sobre a seguridade na Internet. Realizarase de 10:00 a 14:00 horas e é necesaria inscrición previa.
O sábado, 11 de novembro, ás 19:30 horas, o Teatro da Beneficencia acollerá un acto en “Lembranza a Charo Suárez”, organizado polo Concello e de entrada libre.
O día 14, martes, terá lugar, ás 11:30 horas, unha formación para aprender a usar o computador na aula CeMIT. Pola outra banda, ás 18:00 horas, realizarase, na biblioteca municipal, unha nova reunión do Club de Lectura de Ortigueira.
Continuando coas formacións, o xoves 16 será sobre a intelixencia artificial e os seus usos no día a día. Realizarase na aula CeMIT e necesita inscrición.
O venres terá lugar a presentación do último libro de Rafael López, “Antón de Garay… pirata temerario ou vítima xudicial?” Será ás 19:00 horas na biblioteca municipal.
A igrexa parroquial será a sede, o sábado 18, dun concerto clásico da Orquestra de Cámara Galega, organizado pola Deputación da Coruña.
O domingo, a tarde estará protagonizada por Producións Teatrais Excéntricas, que traerá ata o Teatro da Beneficencia o seu monólogo teatralizado ‘Tres Vellas na Romaría’. A entrada terá un prezo de 3,50 euros.
Os nenos/as a partir de 6 anos serán os destinatarios da actividade de estampado do martes 21. Realizarase na biblioteca e require inscrición.
Con motivo do “Black Friday”, o venres 24 a biblioteca municipal realizará os seus particulares descontos e préstamos polas solicitudes realizadas ao longo deste día.
O sábado, día 25, o Teatro da Beneficencia acollerá a comedia ‘O Auto do Castromil’, de Producións Teatrais Excéntricas, que terá un prezo de 3,50 euros.
Outros eventos
A programación está marcada, como non podería ser doutra forma, pola Feira Agroalimentaria e Feira do Mel, que terá lugar o 11 e o 12 de novembro, e a IV Concentración de Camións, que se celebrará os días 17 e 18.
Ademais, cada mércores deste mes a EMCO presenta unha nova peza na súa canle de Youtube para conmemorar a Santa Icía, patroa da música.
Ao longo de todo o mes realizaranse tamén outras actividades, como exposicións, charlas e actos en conmemoración do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.