Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Suspensión de actividades ao aire libre por mor das previsións meteorolóxicas

O Concello de Ortigueira, baseándose nas previsións da Agencia Estatal de Meteorología, vén de adoptar unha serie de restriccións nas actividades ao aire libre como medida de precaución para evitar danos humanos e materiais. Tendo en conta os niveis de alerta previstos por fenómenos costeiros ata, polo menos, o sábado 4 de novembro, o Concello suspende as actividades ao aire libre e decreta o peche das instalacións municipais ao aire libre.

A maiores, a Xunta de Galicia puxo en marcha o plan de seguemento polo nivel dos ríos por posibles desbordamentos. O Río Mera, ao seu paso por Ortigueira, é un dos puntos sobre os que pesa a alerta.

Por todo isto, o Concello de Ortigueira recomenda non achegarse ao litoral nin ao caudal do Mera ou doutros ríos. A maiores, desde a institución municipal pídese que se tomen outras medidas como minimizar a saída a rúas e estradas, non circular con vehículos lixeiros, evitar pasar preto de elementos susceptibles de caír ou ser desprazados polo vento e retirar obxectos decorativos de fiestras e balcóns.

O Concello irá informando de novidades, que irán sempre en función das previsións das entidades especializadas en meteoroloxía, e lembra que a súa prioridade é axudar a garantir a seguridade dos seus veciños.

Back to top