Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Ortigueira presenta a súa axenda cultural para o mes de xullo, que terá como eixo central o Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira

O Concello de Ortigueira presenta oficialmente a axenda de actividades e eventos programada para este mes de xullo, co Festival do Mundo Celta de Ortigueira como o seu prato forte.

Segundo apunta o rexedor, Juan Penabad Muras, “trátase dun programa completo, variado e multidisciplinar que pretende abarcar a todos os espectros de idades a través dunha ampla oferta de actividades”.

O alcalde quixo destacar que “este ano o Festival do Mundo Celta, que é o principal reclamo turístico do noso municipio, contará coa súa edición máis longa ata a data, ao durar nin máis nin menos que 8 días.”

O festival dará comezo o vindeiro domingo 10 de xullo e polo escenario da Alameda pasarán artistas e grupos da talla de Wolfstone, Tanxugueiras, Red Hot Chili Pippers ou Luar na Lubre. O festival, que xa conta con 43 anos de historia, é un dos eventos de música folk máis consagrados en todo o mundo e converterá a Ortigueira na capital mundial deste tipo de música durante a próxima semana.

Desde o 27 ao 31 de xullo terán lugar as festas en honra a Santa Marta, a patroa de Ortigueira. Para celebralo programaranse catro días de festa, música e actividades.

Programación

A axenda inaugúrase o mércores 27 ás 21:00h co pregón, que este ano estará a cargo de Obdulia Dopico (Luli) e a continuación, ás 22:30h haberá verbena na Penela a cargo de orquéstraa Saudade.

O xoves 28 a partir das 12:00h tocarán a Escola de Gaitas de Ortigueira, a Banda de Gaitas de Ladrido, a Banda de Gaitas do Ortegal, a Banda de Música de Ortigueira, a Banda de Rianxo e a Banda de Ribadulla. Ás 19:30h haberá cante e baile no Cantón por mediación de A.C. Troula do Ortegal e á noite haberá gran verbena coas orquestras Finisterre e Cinema.

O venres 29 ás 12:00h haberá unha misa solemne en honra a Santa Marta, e a continuación haberá unha espectacular traca e procesión. Xa pola tarde, ás 20:00h no Cantón, haberá un concerto a cargo da Banda de Música de Ortigueira. A partir das 23:00h haberá verbena coa orquestra Panamá e concerto do grupo de rock&soul Broken Peach. Ao finalizar a actuación do grupo haberá fogos artificiais.

O sábado 30 pola mañá tamén haberá misa solemne en honra á Caridade do Cobre, e ao finalizar haberá tamén unha espectacular traca e procesión; ás 14:00h haberá sesión vermú a cargo de Airiños de Fene no Cantón; na sesión vespertina, a partir das 17:30h na Praza de Isabel II, celebrarase o Día do Libro con 12º Encontro de Libro e Autores; ás 19:00h de celebrará o Día do Neno coa actuación de Cirqueiras, un espectáculo de malabares, música e acrobacias. Á noitiña, ás 23:00h dará comezo a gran verbena, esta vez a cargo do Grupo Assia e a Macro Disco Móbil Chocolate.

O último día, domingo 31, celebrarase a típica xira amenizada polos gaiteiros no Piñeiral de Morouzos a partir das 11:00h; e xa pola noite, a partir das 23:00h, poñerase o punto final das festas coa actuación do Grupo Paixón.

Outras actividades

Desde o luns 11 ata o martes 26 de xullo estarán abertas ao público a exposición de instrumentos medievais “Memoria do Son” e a exposición fotográfica “Gaitas, Violíns e outras verbas” na sala de exposicións do Concello. O horario de martes a venres será de 10:00h a 14:00h e de 17:00h a 20:00h e durante o festival o horario pasa a ser de luns a sábado de 10:00h a 14:00h.

O mércores 20 de xullo realizarase a presentación do tradicional número da Revista Terras do Ortegal, revista que recolle artigos relacionados co patrimonio e a cultura da comarca, que vai xa pola súa 9ª edición.

O martes 26, ás 12:00h na Biblioteca Municipal, actuará o contacontos músical Pakolas coa súa obra “Ramona Órbita, a doa do tempo”. A entrada é totalmente gratuíta.

Back to top