Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Ortigueira ofrece 3 roteiros de sendeirismo e visitas guiadas ao Teatro da Beneficencia durante esta semana Santa

  • O xoves 7 haberá un roteiro circular entre Ladrido e Espasante, o venres 8 será a quenda para a ‘Xeorruta dúas Volcáns’ e o sábado 9 desprazaranse ata San
    Adrián
  • Os días 3, 4 e 5 celebraranse as visitas guiadas ao Teatro da Beneficencia ás 12 horas

O Concello de Ortigueira, a través da concellería de Cultura e Turismo, organiza unha serie de visitas guiadas e roteiros de sendeirismo para esta Semana Santa.

Durante os días 6, 7 e 8 realizaranse camiñadas en diferentes localizacións do municipio.

A primeira, que terá lugar o xoves 6 de abril, será un roteiro circular entre Ladrido e Espasante. Partirá da estación de FEVE de Ortigueira ás 9:30 horas e o regreso será ás 16:40 horas no FEVE de Espasante. Contará cunha distancia de 8,5 km, é de baixa dificultade e o material necesario para realizar o roteiro serán unhas botas de monte, pantalón longo, auga e algo de picar. As inscricións son gratuítas e poderanse formalizar no teléfono 981 422 089 ou na Oficina de Turismo.

A segunda, que se celebrará o venres 7 de abril, estará enfocada ao mundo xeolóxico coa ‘Xeorruta dúas volcáns’, ofrecida polo Xeoparque Cabo Ortegal. A saída será desde a Praia do Picón, terá unha duración de 4 horas e unha distancia de 7 km, de dificultade media. O prezo por persoa será de 9 euros e as inscricións pódense formalizar na páxina web do Xeoparque.

Por último, o roteiro a San Adrián celebrarase o sábado 8 de abril. A saída será ás 10 horas do aparcamento da Oficina de Turismo (hai levar coche propio) e o regreso está programado para as 14 horas. Contará cunha distancia de 8,5 km e será dunha dificultade baixa. As inscricións poden formalizarse a través do teléfono 981 422 089 ou na Oficina de Turismo.

As visitas guiadas ao Teatro da Beneficencia celebraranse os días 3, 4 e 5 de abril ás 12 horas. Este edificio antigamente formaba parte das dependencias do antigo templo Dominco e un grupo de veciños, a mediados do século XIX, promoveu a súa rehabilitación para convertelo en recinto cultural. Hoxe en día o Teatro mantense como a principal infraestrutura cultural do municipio.

As visitas realizaranse para un grupo mínimo de 5 persoas e as inscricións pódense realizar a través do número de teléfono 981 400 000, no Concello ou no Centro de Interpretación.

Desde o Concello de Ortigueira animamos a todos, veciños e visitantes, a gozar dos encantos de Ortigueira durante esta semana Santa.

Back to top