O Concello de Ortigueira abre o prazo para participar no programa “Agasallos de Nadal 2022”
- Vai destinado a familias con nenos e nenas menores de 15 anos, ou menores de 19 anos con discapacidade, empadroados/as no municipio
- As solicitudes poden presentarse no Rexistro do Concello de Ortigueira ata o vindeiro martes, 29 de novembro
O Concello de Ortigueira organiza para este nadal o programa “Agasallos de Nadal 2022”, destinado a familias con nenos e nenas menores de 15 anos, ou menores de 19 anos con discapacidade, empadroados e empadroadas no municipio.
O obxecto desta convocatoria é a concesión de axudas económicas a núcleos familiares cunha baixa capacidade económica para destinar á adquisición de agasallos de Nadal.
Poderán presentar esta axuda aqueles pais, nais ou representantes legais que estean empadroados no Concello, convivan cos menores para os que se solicita a axuda e cuxa unidade familiar non teña uns ingresos anuais ponderados, de calquera procedencia, superiores ao 1,5 do SMI.
A axuda por familia irá en función dos menores beneficiarios do programa, destinándose un importe máximo de 100 euros por neno ou nena.
A subvención farase efectiva mediante a entrega ao beneficiario/a de un vale polo importe concedido para a compra de xoguetes, libros, roupa, calzado ou calquera material relacionado con novas tecnoloxías, que só se poderá adquirir nos comercios adheridos ao programa no Concello de Ortigueira.
O crédito orzamentario destinado pola administración local, imputado ao exercicio de 2022, será de 3.000 €. No caso de que se supere esta cantidade, as axudas veranse reducidas proporcionalmente, a fin de poder concedelas todas e que todos os solicitantes poidan acceder a esta axuda.
Os interesados xa poden presentar a solicitude no Rexistro do Concello ata o vindeiro martes, 29 de novembro.
Bases “Agasallos de Nadal 2022”
Solicitude “Agasallos de Nadal 2022”