Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello comeza a campaña contra a avespa velutina coa colocación de arredor de 1.500 trampas

  • O programa de captura levarase a cabo de man da empresa SERPA, coa colaboración de AGA Ortegal e o Concello.
  • O xoves 24 de marzo, habilitarase unha caseta no mercado municipal para que as veciñas e veciños interesados poidan informarse sobre o funcionamento destas trampas, así como adquirilas de forma gratuíta.

O Concello de Ortigueira arranca cun novo plan de choque contra a avespa velutina coa instalación de arredor de 1.500 trampas ao longo de todo o municipio. A campaña levarase a cabo pola empresa SERPA en colaboración coa Asociación Galega de Apicultura (AGA) Ortegal e o Concello.

“Continuamos a campaña iniciada ou ano pasado co trampeo, pero nesta ocasión damos un salto de calidade e, en vez de de instalar as trampas a propia cidadanía, serán os profesionais os que se encarguen de levar a cabo a tarefa, mellorando así a efectividade do programa contra esta especie invasora”, indicou o alcalde de Ortigueira, Juan Penabad Muras. O rexedor sinalou que se trata dun traballo que terá continuidade ao longo dos próximos dous anos. As trampas colocaranse sobre todo nas zonas máis poboadas do termo municipal.

Por outra banda, a empresa SERPA, encargada de levar a cabo os traballos, contará cunha caseta no mercado local o vindeiro xoves 24 a partir das 11:00 horas. As persoas que se acheguen poderán recibir información sobre o funcionamento das trampas, así como adquirilas de forma completamente gratuíta.

Ademais de instalar as trampas e ofrecer información aos veciños e veciñas, a empresa que levará a cabo a campaña tamén realizará un estudo para analizar os exemplares capturados e mellorar deste xeito o método de actuación.

Back to top