O CONCELLO APORTA LA PARA QUE A VECIÑANZA “VISTA O NADAL” COS SEUS LABORES DE GANCHO
O Concello de Ortigueira quere facer aínda máis fácil a colaboración dos veciños e veciñas na ornamentación da vila de cara ao Nadal aportándolles material para a realización dos adornos.
Como xa informamos, este ano púxose en marcha a iniciativa “Queres axudar a vestir o Nadal?”, que ten como obxectivo decorar con labores feitas con gancho e la as árbores e mobiliario urbano da vila. Trátase dunha proposta vistosa que xa se ten desenvolvido con éxito noutras localidades e que agora se traslada a Ortigueira aproveitando as datas do Nadal.
As persoas que queiran participar e non teñan la nas súas casas poden recollela nos establecementos Labores Paula e Mercería Enredos. Os labores terán que estar rematados a tempo para facer a colocación colectiva dos mesmos entre o 1 e o 5 de decembro.