“CONTOS DE MONSTROS” E A PROXECCIÓN DA PELÍCULA “SICIXIA. PASEO POLO AMOR E A COSTA DA MORTE”, NA AXENDA CULTURAL DA SEMANA
Os obradoiros “Contos de monstros” continuarán este mércores na biblioteca municipal de Ortigueira cunha iniciativa para nenos e nenas de cinco e seis anos de idade. Será a partir das 17.30 horas e é imprescindible inscribirse na propia biblioteca ou chamando ao número de teléfono 981 400 101. A vindeira semana, o mércores 21, pecharase o programa coa quenda dos nenos e nenas a partir de sete anos.
O obxectivo destes obradoiros é traballar de forma divertida cos máis pequenos para axudarlles a enfrontar o seu medo aos monstros e a comprender que son produto da súa imaxinación.
Por outra banda, o vindeiro sábado 17, a partir das 19.30 horas proxectarase no Teatro de Beneficencia o filme “Sicixia. Paseo polo amor e a Costa da Morte”, unha película de Ignacio Vilar estreada no 2016 que narra a viaxe dun enxeñeiro polos lugares máis recónditos de Galicia para atopar os sons da xente e da natureza. No seu percorrido coñece a unha colleitadora de algas que despertará nel a paixón pola vida, a terra e o salvaxe da Costa da Morte. A entrada é gratuíta.