Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O ALCALDE PIDE AO MINISTRO DE TRANSPORTE QUE SE DEA PRIORIDADE Á ENTREGA DE MERCANCÍAS DE MATERIA PRIMA E REPOSTOS PARA AS EXPLOTACIÓNS AGRÍCOLAS E GANDEIRAS

O alcalde de Ortigueira, Juan Penabad Muras, enviou un escrito ao ministro de Transporte, Movilidad y Agenda Urbana, José Luis Ábalos, solicitando que se adopten as medidas necesarias para que o sector de transporte de mercadorías e mensaxería considere produtos de primeira necesidade tanto a materia prima necesaria para a actividade do sector primario como os respostos de maquinaria e calquera outro subministro que sexa preciso para o normal funcionamento das explotación agrícolas e gandeiras. O obxectivo desta petición é que a entrega destas mercancías teña prioridade fronte a outras non consideradas de primeira necesidade. A demanda foi trasladada tamén á Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta.

O rexedor local faise eco así das queixas de veciños e veciñas que se dedican ao sector primario, que lle trasladaron que durante o estado de alarma están atopando moitas dificultades para recibir a materia prima necesaria para as súas explotación agrarias ou gandeiras, porque ou ben non chega ou chega tarde despois de estar varios días paralizada nalgún almacén. O mesmo sucede, di o alcalde, coas pezas de reposto para a maquinaria, unha situación que se debe á gran carga de traballo dos transportes e as mensaxerías.

Diante desta situación, as persoas afectadas teñen que realizar desprazamentos longos -o que vai en contra do principio de confinamento, aínda que este permitido- quitando este tempo, ademais, do seu traballo normal. Penabad Muras entende que esta situación que afecta a Ortigueira prodúcese tamén noutros lugares, especialmente nos concellos máis alonxados das ciudades e lembra a especial importancia dos horarios e dos días concretos para desenvolver moitas das tarefas relacionadas coa agricultura e a gandeiría (plantacións, recollida de colleitas, extracción do leite, etc.)

A carta do alcalde remata expresando a súa convicción de que tomar estas medidas que demanda no escrito contribuirá a paliar os efectos socioeconómicos da crise do coronavirus, polo que pide ao ministro que actúe en consecuencia.

Back to top