O ALCALDE DE ORTIGUEIRA RECOLLERÁ HOXE EN CHANTADA A FLOR DE HONRA CONCEDIDA AO CONCELLO NO CERTAME VILAS EN FLOR
O alcalde de Ortigueira, Juan Penabad Muras, asistirá hoxe á entrega dos premios Vilas en Flor, no auditorio municipal de Chantada, para recoller a Flor de Honra que lle foi concedida no marco deste certame como recoñecemento ao labor do Concello en favor da mellora e potenciación dos espazos verdes urbanos e a súa xestión sostible, así como no campo da educación ambiental e concienciación cidadá sobre a necesidade de conservar e manter en boas condicións estes espazos.
Esta iniciativa da Fundación Juana de Vega en colaboración coa Asociación de Viveiristas do Noroeste (Asvinor) e a Asociación Galega de Empresarios de Xardinería (Agaexar) desenvolveuse este ano por vez primeira en Galicia seguindo o exemplo do que se fai noutras comunidades e países.
O acto dará comezo ás 18.30 horas e contará coa presenza da conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez Mejuto; da directora da Escola Galega da Paisaxe Juana de Vega, Isabel Aguirre; e do director de Vilas en Flor Galicia, Pedro Calaza Martínez. Chantada e Allariz foron os concellos que conseguiron o maior número de Flores de Honra nesta primeira edición, cinco cada un.
1 de