Muras dá a coñecer o patrimonio, cultura e paisaxe de Ortigueira no novo encontro de cidades alfonsíes en Murcia
- O alcalde do municipio asistiu á segunda reunión da Comisión, da que forman parte municipios como Segovia, Sevilla, Toledo, Valladolid ou a propia Murcia.
- No encontro os dirixentes analizaron posibles traballos para potenciar a historia de Alfonso X e tamén se elixiu Ciudad Real como próximo punto de encontro.
- O Concello traballa na organización dunha exposición sobre Alfonso X e un concerto de cantigas medievais.
O alcalde de Ortigueira, Juan Penabad Muras, dá a coñecer os recursos culturais, históricos e naturais do municipio no segundo encontro de pobos e cidades alfonsíes celebrado esta semana na cidade de Murcia. O Concello forma parte do catálogo de cidades alfonsíes, promovido polo Concello de Toledo e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) con motivo do VIII Centenario do nacemento de Alfonso X o Sabio.
Unha rede de cidades coa que se pretende impulsar actividades para difundir a historia do monarca nos municipios que forman parte dela. “Estes encontros son unha oportunidade para dar a coñecer en profundidade todo o que Ortigueira pode achegar a esta rede conxunta, que configura unha aposta polo patrimonio, a cultura e a historia dos nosos pobos e cidades” sinalou o rexedor Juan Penabad Muras. Segundo informou Muras, “ nestas reunións xorden oportunidades de colaboración para impulsar un turismo cultural e de calidade, supoñendo un beneficio para a economía local”.
No encontro da Comisión, os alcaldes e alcaldesas que a conforman analizaron posibles traballos no contexto de impulso da historia de Alfonso X como acicate para captar novos visitantes. Así mesmo, tamén se elixiu o próximo lugar de encontro da Comisión, que será Ciudad Real. Deste xeito, con estes encontros búscase facilitar un maior coñecemento e relación dos lugares vinculados ao rei; apoiar e difundir actividades conxuntas entre os membros da Comisión; e difundir a vida e reinado de Alfonso X, potenciando programas educativos e culturais que permitan dar a coñecer a súa obra e promover unha política cultural que se axuste aos obxectivos marcados.
Futuras actividades para conmemorar o VIII Centenario en Ortigueira
Dentro das actividades de dinamización que os Concellos deben propoñer á Comisión, da que forman parte municipios como Segovia, Sevilla, Toledo, Valladolid ou a propia Murcia, a concellería de Cultura de Ortigueira traballa na organización dunha exposición sobre Alfonso X co Consello da Cultura Galega e nun concerto de cantigas medievais a cargo de Uxía e Germán Díaz.
Muras tamén propuxo a Ortigueira como futura sede para acoller un dos encontros da comisión de cidades alfonsíes.
Pedro el Gallego, o ortegano confesor de Alfonso X
“A historia de Ortigueira con Alfonso X é peculiar”, manifestou Penabad Muras, e é que o municipio galego formou parte da vida do rei a través do ortegano coñecido como Pedro el Gallego, quen foi confesor do rei. A súa relación con el outorgoulle a Ortigueira unha serie de privilexios coa concesión do Foro de Benavente, a mellor lexislación medieval que só estaba reservada a vilas cunha maior entidade. Este privilexio achegou a Ortigueira un mercado anual de grandísima importancia.