Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

HOXE ABRE O PRAZO PARA PEDIR AS SUBVENCIÓNS DOS PROGRAMAS MUNICIPAIS “ORTIGUEIRA EMPRENDE” E “ORTIGUEIRA COMPITE”

O Boletín Oficial da Provincia publica na súa edición de onte a apertura do prazo de petición das subvencións convocadas polo Concello de Ortigueira para contribuír a creación de pemes e mellorar a competitividade das que xa están en funcionamento. As empresas interesadas poden presentar a súa solicitude desde hoxe e ata o día 15 de novembro.

A institución municipal dedica un total de 35.000 euros a estas subvencións para dúas liñas de axuda que son incompatibles entre si. Trátase de “Ortigueira emprende” -para axudar a sufragar gastos de instalación para o desenvolvemento da actividade en empresas de nova creación- e “Ortigueira compite” -para renovación ou adecuación de actividade-. No primeiro caso apoiaranse os investimentos realizados desde o 1 de xaneiro de 2019, mentres que no segundo as beneficiarias son as empresas instaladas en Ortigueira desde 2015 para investimentos realizados entre a súa data de creación e o 31 de decembro de 2018.

O importe máximo da axuda non poderá superar os 3.000 euros e tanto a empresa como as instalacións deberán estar situadas e ter o seu domicilio social e fiscal dentro do termo municipal de Ortigueira. A actividade empresarial terase que desenvolver tamén de maneira real e efectiva neste concello.

O obxectivo desta iniciativa do Concello é paliar os problemas de desemprego e incentivar a conversión de persoas desempregadas en autónomos, así como a creación de pequenas e medianas empresas e o fortalecemento das que xa forman parte do tecido empresarial de Ortigueira.

As empresas que reciban estas axudas teranse que comprometer a manter a súa actividade por un mínimo de tres anos.

Back to top