Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Finaliza o obradoiro “Terras do Ortegal”, que formou a 20 desempregados en atención sociosanitaria

  • O programa contou cun financiamento total de 346.946 euros, procedentes da Consellería de Emprego e Igualdade
  • O alcalde, Juan Penabad Muras, destacou que “este obradoiro facilitará aos participantes a súa inserción non mundo laboral nun ámbito que hoxe en día está moi demandado”

Ortigueira, 26 de xullo de 2022. Este sábado, 23 de xullo, tivo lugar a entrega de diplomas do obradoiro dual “Terras do Ortegal”, que tiña por obxectivo formar a 20 persoas en situación de desemprego en materia de atención sociosanitaria a dependentes en institucións sociais.

Ao acto acudiron o alcalde de Ortigueira, Juan Penabad, xunto cos seus homólogos de Mañón e Cariño, Alfredo Dovale e Jose Miguel Alonso, así como tamén a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Marta Aneiros e a directora do obradoiro, Eva María Lamelas.

O rexedor ortigueirés quixo destacar que “a realización deste obradoiro facilitará aos participantes a súa inserción non mundo laboral nun ámbito que hoxe en día está moi demandado”.
A formación estivo impulsada polo Concello de Ortigueira, que foi o responsable técnico e administrativo, xunto cos municipios de Cariño e Mañón e contou con 346.946 euros de financiamento con cargo á Consellería de Emprego e Igualdade.

O taller desenvolveuse durante os nove últimos meses, nos que os participantes foron contratados polo Concello na modalidade de formación e aprendizaxe, nos que recibiron tanto formación teórica como práctica.

A través do curso obtiveron o certificado de profesionalidade nivel 2, válido en todo o territorio español, que permite acceder a postos de traballo do servizo de axuda a domicilio, centros de día ou outras institucións sociais.

Back to top