Este martes o pan de Ortigueira sabe a Letras Galegas
- As panaderías do municipio reparten o xénero con bolsas nas que se recolle información sobre Florencio Delgado Gurriarán, autor homenaxeado nesta edición.
- O goberno local repartiu unhas 2.000 unidades a estes comercios co obxectivo de enxalzar e poñer en valor a figura do poeta.
As persoas que merquen o pan hoxe en Ortigueira van levar consigo un anaco de Florencio Delgado Gurriarán. O Concello repartiu entre as panadarías do municipio unhas 2.000 bolsas de papel nas que se enxalza e dá a coñecer á figura do autor homenaxeado no Día das Letras Galegas.
Nas bolsas figuran liñas do poemario “Galicia Infinda” (1963). Nelas tamén se sinalan algunhas das súas obras e inclúese un código QR que leva á páxina web da Real Academia Galega, ao apartado dedicado ás Letras Galegas, para obter máis información sobre o autor nado en Vilamartín de Valdeorras.
A iniciativa do Concello lévase a cabo coa colaboración da Pastelería Dolan, Panadería Giz, Panadería Maruxa, Panadería Miguel Giz, O Forno de Loiba, Panadería Tojeiro.
“Unha acción coa que queremos chegar ás casas a través dun feito tan cotiá como ir mercar o pan, pero que marca a diferencia, posto que con ese bolo ou esa barra a xente levará consigo un pouco de Florencio Delgado Gurriarán e, polo tanto, un pouco de cultura e historia de Galicia”, sinalou o alcalde do municipio, Juan Penabad Muras.
A iniciativa para difundir a obra de Delgado Gurriarán partiu da concellería de Cultura do municipio, que organiza para conmemorar o 17 de maio diversas actividades, entre as que figuran tamén a entrega de premios do II Concurso de Microrrelatos ‘Arrós’, celebrada onte, a presentación do disco ‘Ortegal’ de Diego de Braelle, que se levará a cabo hoxe ás 19:30 horas no Teatro da Beneficencia, ou a futura instalación de casetas de libros nas rúas e parques do municipio. O edil de Cultura, Juan Cao, agradeceu a colaboración e disposición que amosaron as panaderías coa iniciativa.