Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Axenda cultural do mes de maio

  • O evento central será o propio día 17 de maio na praza Isabel II, cun recital poético no que tamén haberá baile tradicional
  • A asociación Libro Vivo organiza o día 19 no Centro Social de San Claudio unha charla homenaxe a Francisco Fernández del Riego, escritor ao que se dedica a data este ano

O Concello de Ortigueira anuncia a súa axenda de actividades culturais para o mes de maio, que ten no acto das Letras Galegas o seu eixo central.

A programación iníciase este sábado, 6 de maio, coa obra de teatro infantil “A nena que vivía nunha caixa de mistos”, de Caramuxo Teatro, no Teatro da Beneficencia. A función dará comezo ás 18 horas e a entrada terá un custo de 3 euros.

O mércores día 10, na aula CeMit, ofrecerase a charla sobre ciberseguridade “O teu día a día en liña, con seguridade”. Será impartida por un experto do departamento de ciberseguridade da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galica, a partir das 11 horas.

O xoves día 11, na Biblioteca Municipal, actuará un contacontos musical coa obra “Contamos e cantamos”. A actuación, que correrá a cargo de R.J. Peralta e Branca Millán, comezará ás 17 horas.

O venres día 12, a partir das 10:30 horas na Praza Isabel II, terá lugar a XIV Festa Interxeracional dos Maios, na que colaboran a Escola de Gaitas de Ortigueira e o Concello.

O mércores 17, Día das Letras Galegas, celebrarase o acto central do mes de maio cun recital poético e un baile tradicional na Praza Isabel II a partir das 12 horas.

O xoves 18 de maio, na Biblioteca Municipal, celebrarase a actividade “Viaxando coas anduriñas: ritmos na selva”, un danzacontos dirixido a nenos e nenas de entre 1 e 4 anos de idade. A actividade dará comezo ás 17 horas.

O venres día 19, no Centro Social de San Claudio, terá lugar unha charla homenaxe a Francisco Fernández del Riego, escritor ao que se dedican este ano as Letras Galegas, organizado pola asociación Libro Vivo. Será a partir das 18:30 horas.

O luns día 22, ás 16:30 horas, o Centro de San Roque acollerá o taller “Musicoterapia para persoas adultas” da Escola Galega de Saúde, organizado polo Centro de Información á Muller.

Por último, o sábado día 27 no Teatro da Beneficencia, o Coro e orquestra Orff do IES Ortigueira ofrecerá un concerto a partir das 19 horas, con entrada gratuíta.

Exposicións

Durante todo o mes de maio, a sala de exposicións do Concello albergará a exposición de pintura da Asociación cultural Amigos da arte en horario de luns a venres, de 10 horas a 14 horas.

Curso da Universidade Sénior

Durante este período impartiranse os módulos II e III do curso da Universidade Sénior, que tratarán as temáticas de Ciencia, tecnoloxía, saúde e benestar.

 

Back to top