Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Así é a programación cultural do Concello de Ortigueira para o mes de xuño

O Concello de Ortigueira presenta unha nova e diversa programación cultural para o mes de xuño, que inclúe propostas de lecer, formación, teatro, maxia ou música, pensadas para todos os públicos e repartidas por diferentes espazos do municipio.

A programación arrinca o sábado, 7 de xuño, cun paseo guiado pola vila ‘Descubrindo Ortigueira’, a cargo de Guido Guía, ideal para coñecer o patrimonio e a historia local. Un día despois, o 8 de xuño, teremos conferencia+música cos apuntamentos históricos de S.Adrián, que contará coas actuacións de Carlos Breixo, Coral Polifónica de Cariño, Grupo de Acordeóns de Troula do Ortegal e o Centro Sociocultural de S. Adrián. Actividade organizada pola Asociación do Festival habaneras e canción mariñeira.

O mércores 11, a narrativa oral chegará á Residencia de Persoas Maiores da man de Avelino González. Mentres, no eido da formación, o xoves 12 ás 11:00 horas, a Aula CeMIT acollerá a sesión ‘O teu día a día en liña, con seguridade’, centrada no uso responsable das ferramentas dixitais.

A cultura seguirá moi presente o venres 20, ás 20:00 horas, cun espectáculo de ballet e danza contemporánea a cargo do alumnado da escola ‘Danza Ortegal’, organizado pola Asociación de veciños e veciñas de San Adrián de Veiga.

O sábado, 21 de xuño, ás 18:00 horas, as familias poderán gozar do teatro infantil con ‘Fala, fala, falangueira’ da compañía Matrioshka Teatro, organizado por Fala Redes, no Teatro da Beneficencia.

Xa o venres 27, a xornada comezará ás 11:00 horas, na Biblioteca Municipal, co espectáculo de maxia do mago Paco para persoas usuarias de ASPROMOR. Ese mesmo día, a partir das 19:00 horas, pecharase o mes cun evento musical moi especial: o Festival do 25 aniversario da Escola de Música de Ortigueira (ESMU), tamén no Teatro da Beneficencia.

Back to top