Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

As rutas de sendeirismo en Ortigueira, reclamo turístico de éxito

As rutas sendeiristas de Ortigueira, todo un éxito. As tres últimas actividades celebradas en Semana Santa completaron a cota de prazas, contando mesmo con lista de espera. Un total de 70 persoas participaron na andaina xeolóxica dos Penidos, a de sendeirismo na costa de Loiba e Esteiro e a camiñada polos cantís de Espasante e Céltigos.

“As rutas sendeiristas e xeolóxicas están a consolidarse como unha actividade de gran interese, que conta cada vez con máis participantes, polo que nestes últimos tempos tamén fomos ampliando as prazas para acoller o maior número de persoas posible”, sinalou o alcalde de Ortigueira, Juan Penabad Muras.

A través dos diferentes itinerarios, as persoas participantes puideron coñecer de primeira man o patrimonio natural do municipio, un dos seus principais atractivos turísticos. “ As rutas forman parte da nosa aposta por un turismo de calidade e proximidade que, ao mesmo tempo, fomente a actividade física”, explica o concelleiro de Turismo, Juan Cao.

A Semana Santa tamén contou como acicate para o turismo coa primeira edición do Mercado de Primavera, “todo un éxito, tanto para as persoas visitantes como para os establecementos participantes”. Esta iniciativa forma parte da aposta do goberno local polo impulso e a promoción do comercio local.

O Concello pecha o mes de abril cunha visita a Céltigos

O mes de abril finalizará cunha excursión polos cantís de Céltigos o día 30. Unha ruta de dificultade media duns 15 quilómetros de lonxitude. O punto de encontro será a estación de Feve en Ortigueira ás 09:30 horas ou no aparcamento da praia de San Antonio en Espasante ás 10:00 horas. O horario dos trens é o seguinte:

Ortigueira- Espasante

9:38 h – 9:43 h

12:04 h -12:00 h

Espasante- Ortigueira

13:18 h – 13:24 h

16:43 h – 16:50 h

20:22 h – 20:28 h

As persoas interesadas na iniciativa poden apuntarse na piscina municipal. Os e as participantes deben levar a todos estes itinerarios algo de comida, auga e calzado adecuado. Recoméndase estar uns 30 minutos antes de que empece a actividade no punto de encontro.

 

Back to top