Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

As mulleres de Ladrido narran a historia da parroquia nunha nova edición de ‘Con voz de muller’

  • A concellería de Igualdade, en colaboración co Centro de Información á Muller de Ortigueira, organiza novas sesións do proxecto, co que se apodera e reivindica o papel da muller na historia do municipio.
  • Unha veinteina de participantes de 60 a 97 anos asisten aos encontros que se están levando a cabo e dos que sairá un libro.
  • A concelleira de Igualdade, María Lamelas, destacou o éxito da iniciativa e sinalou que seguen sumando parroquias ao proxecto, co obxectivo “de dar a coñecer unha parte da historia que ata o de agora permanecía invisibilizada”.

Veciñas de Ladrido protagonizan a nova edición do proxecto ‘Con voz de muller’, unha iniciativa coa que o Concello de Ortigueira recupera, dá a coñecer e pon en valor o importante labor das mulleres no desenvolvemento do municipio ao longo da súa historia.

Ás súas predecesoras de Couzadoiro, San Adrián, Loiba, San Claudio, Espasante e Santiago de Mera súmanse agora as mulleres de Ladrido, que xa comezaron as súas reunións, coordinadas polo persoal técnico do Centro de Información á Muller (CIM) do municipio e impartidas por Sara Vierna.

“ As primeiras dúas reunións no centro social de Ladrido saldáronse cunha boísima acollida, cunha vintena de mulleres participantes”, informou a concelleira de Igualdade, María Lamelas, quen asistíu ao acto de presentación da iniciativa. As mulleres participantes na proposta van dos 60 ata os 97 anos de idade. Estas reuniranse proximamente de novo os días 16 e 17 de xuño en horario de 16:00 a 20:00 horas.

 

A concellería de Igualdade, da man do Centro de Información á Muller (CIM) de Ortigueira, desenvolve un ano máis este programa, a través do que se pretende apoderar ás mulleres con encontros nos que poderán transmitir as súas vivencias. Un exercicio narrativo que permitirá coñecer as súas achegas á vida e historia de Ortigueira.

Nestes talleres, as participantes poderán narrar a súa vida dende a súa infancia ata a actualidade, recoñecendo os feitos que as definen. As reunións tamén permitirán recompilar fotografías, cartas, obxectos e outros elementos que permitan ir ahodando nas súas vidas. Nos encontros falarase dos espazos que estas mulleres ocupaban, as actividades ás que se dedicaban e diversos aspectos das zonas nas que viven e nas que foron axentes de cambio. Todas estas anécdotas e documentos quedarán plasmados nun libro, que achegará as historias destas mulleres aos veciños e veciñas de Ortigueira.

“ Escoitar ás mulleres de Ortigueira é escoitar a historia viva do noso municipio. Querémonos achegar a todas elas a través desta iniciativa, á que imos sumando novas parroquias para dar a coñecer unha parte da historia que ata o de agora permanecía invisibilizada”, sinalou a concelleira de Igualdade, María Lamelas.

Back to top