Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

A LIQUIDACIÓN DOS PRÉSTAMOS CON ENTIDADES FINANCEIRAS E A ADXUDICACIÓN DA REFORMA DA EDAR DE ESPASANTE, NO NOVO BOLETÍN MUNICIPAL

Estes días está chegando aos fogares de Ortigueira un novo número do boletín informativo municipal, que dá conta das últimas novidades do Concello, entre elas a liquidación da débeda con entidades financeiras, que se produce catro anos antes do previsto no Plan de Axuste. Foi hai apenas unhas semanas, a finais de setembro, cando o goberno local liquidou o último dos seis préstamos cos que se atopou cando se puxo á fronte do Concello, cuxo importe total aproximábase aos 2,8 millóns de euros.

A adxudicación á empresa Viaqua das obras de reforma da depuradora de Espasante é outro dos temas que se recollen neste boletín. Trátase dun investimento de arredor de 158.000 euros que estará materializado nun prazo de seis meses e que permitirá o correcto funcionamento do sistema de saneamento nesta zona, despois dos problemas cos que se puxo en marcha no ano 2008.

A publicación informa tamén das obras que se van realizar no CEIP José María Lage, para as que o Concello xestionou 367.000 euros procedentes da Xunta, a Deputación e a propia institución municipal. Con estes proxectos, o centro escolar sairá do estado de abandono no que se atopaba.

A consecución de que os gastos de mantemento do centro de saúde sexan asumidos polo Sergas; a presenza de Ortigueira como protagonista na Ofrenda á Virxe dos Remedios en Mondoñedo; informacións sobre diferentes cursos organizados polo Concello e noticias protagonizadas por outras asociacións como Os Carecos, que recadou 7.000 euros co seu serán solidario para a loita contra o cáncer son, xunto a unha galería fotográfica da multitude de actividades musicais que tiveron lugar nas últimas semanas na vila, outros contidos deste boletín. A súa intención é manter informados aos veciños e veciñas de toda a actividade que se desenvolve no Concello.

Back to top