Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

A Escola de Música Municipal incrementa un 25% a matriculación respecto ao ano pasado

A Escola de Música Municipal de Ortigueira acaba de pechar o seu período de prematriculación para o próximo curso cun notable éxito de inscricións.

De fronte ao ano académico 2024/25, os nenos e nenas anotados incrementáronse un 25% respecto ao ano pasado, evidenciando o crecente interese e confianza dos veciños e veciñas de Ortigueira na formación musical ofrecida pola institución.

No mes de setembro abrirase o prazo definitivo de matriculación, durante o cal se anunciarán as prazas vacantes dispoñibles para os e as interesados en cursar estudos na escola.

Tras o incremento da matriculación está “o gran traballo dos traballadores e traballadoras da institución, que dan cada día o mellor de si para transmitir o seu amor pola música ás novas xeracións”, apunta a concelleira de Cultura, Saúde e Educación, Ana Cartelle.

A edila incide en que “desde o Concello de Ortigueira imos seguir apostando pola formación musical, apoiando á Escola de Música en cada paso que dea” e engade que “estamos a traballar en novos proxectos de fronte ao próximo curso, para seguir expandindo ese amor pola música por todo o territorio”.

REESTRUTURACIÓN

A escola atópase inmersa nun proceso de reestruturación. Desta forma, a partir do verán deixará de ser a EMCO (Escola de Música Concello de Ortigueira) para ser a ESMU Municipal de Ortigueira.

Ademais, este proceso vai aparellado dunha gran aposta pola calidade do ensino, selo distintivo desta institución nos últimos anos e que repercutiu nese incremento de matrícula.

Neste sentido, o director, Carlos Diéguez, está a participar nun Encontro Nacional de Bandas de Escolas de Música en Yecla (Murcia), o que representa unha oportunidade para compartir coñecementos con outros directores de escolas (algunhas como a de Yecla das máis prestixiosas de toda España) e fortalecer lazos entre as institucións musicais de toda España, promovendo a excelencia e a colaboración no ámbito da educación musical.

Back to top