Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

A ESCOLA DE MÚSICA CONCELLO DE ORTIGUEIRA BUSCA A COLABORACIÓN VECIÑAL PARA O PROXECTO DE INVESTIGACIÓN “MÚSICA DA NOSA VIDA”

A Escola de Música Concello de Ortigueira pon a disposición da veciñanza do Ortegal unha nova actividade incluída na súa proposta #quedanacasacoaEmco. Trátase do proxecto “Música da nosa vida”, para recuperar e divulgar a memoria e o patrimonio musical desta comarca. O centro anima a compartir material como partituras, fotografías, vídeos, etc, para contribuír a mostrar a historia da música ortegana desde o século XIX ata a actualidade. Precisamente, entre as funcións da EMCO está, ademais do ensino musical, recuperar, preservar e salvagardar o patrimonio musical do municipio, por iso a iniciativa ten como obxecto poñer a disposición da comunidade estudiantil, dos musicólogos e dos propios protagonistas as imaxes, documentos ou testemuñas relacionadas con esta historia.

Dentro do material de interese para este proxecto inclúense imaxes das agrupacións musicais, dos elementos etnográficos e de tradición ortegana, de directores e compositores ou das festas orteganas, así como partituras dedicadas ao municipio, escritas por compositores da zona ou da música que soaba nas festas da época.

Os artigos de prensa sobre actuación musicais e a historia e novas dos grupos; documentos como os carnés de músico, as cartas, saúdas e felicitacións ou as actas de concursos son tamén unha importante fonte documental, o mesmo que os traxes antigos ou os instrumentos musicais en desuso, que se depositarán no arquivo municipal e patrimonial da escola de música.

A forma de colaborar neste proxecto durante a corentena é enviando copias das fotografías, documentos, audios ou vídeos ao correo electrónico esmu.ortigueira@gmail.com. A documentación será publicada nas canles da EMCO co cancelo #OrtigueiraéMúsica. Unha vez rematado o confinamento farase a entrega presencial. Os documentos cedidos devolveranse aos seus propietarios, mentres que os traxes e instrumentos recolleranse como depósito ou doazón

Back to top